O Ensanche compostelán volve estar de festa e reedita a celebración do seu 55 aniversario cunha nova edición que leva por nome 56 anos vivindo O Ensanche. A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou os detalles das actividades organizadas polo tecido veciñal e comercial do barrio. Na rolda estivo acompañada do coordinador do evento, Xosé Manuel Durán; o secretario de Santiago Centro, Delmiro Prieto; un representante de Panxea, Gonzalo Gesto; e Eva López de proxecto EmRede.
A Asociación de Veciños Raigame, en colaboración coa Fundación Santiago Centro, Panxea Comercio Xusto, EmRede, Santiago Futsal e o Concello de Santiago, promove a celebración do 56º aniversario do Ensanche compostelán cunha gran festa o vindeiro 1 de outubro. Tras o éxito acadado na primeira edición de 2015 para celebrar o seu 55 aniversario, o tecido asociativo do Ensanche une forzas de novo para organizar esta nova edición.
O coordinador do evento, Xosé Manuel Durán, sinalou que “a celebración xa se vai asentando como un referente na cidade co obxecto de integrar a toda a cidadanía, e para que os veciños e veciñas e o comercio busquen as súas raíces e fortalezan as súas relacións para facer do Ensanche “un barrio agradable, vivo e dinámico”.
Pola súa parte, Marta Lois apuntou que, facendo coincidir co evento, “o Concello organiza un proxecto de dinamización comercial de rúa durante todo o día, buscando así sinerxias entre as actuacións municipais e as do tecido veciñal e comercial do Ensanche”. Trátase de desenvolver unha feira do comercio na que se espera a participación dun máximo de 54 comercios e firmas, cuxos stands ocuparán parcialmente as rúas de San Pedro de Mezonzo, Diego de Muros, Rodríguez Carracido e Ramón Cabanillas.
Ademais, engadiu a concelleira, “a festa estará animada por pasarrúas e as actuacións musicais de Nastasia Zurcher, Dani Barreiro e Cantata Vernácula na zona de Ramírez. Dende o Concello tamén imos colaborar co barrio na elaboración dunha publicación conmemorativa do Ensanche, que será o resultado dun obradoiro que farán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche durante o propio día 1”.
Celebraranse torneos de xadrez, na rúa Santiago del Estero; de baloncesto infantil e xuvenil 3×3 coa colaboración de Tiro Libre, na praza Roxa; un taller de prensa para os maiores de 11 anos, no Centro Sociocultural do Ensanche; e tamén xogos populares. Haberá unha polbeira na praza Roxa.
Busca o globo verde
Con ánimo de que o comercio teña un lugar destacado nesta celebración, a organización ofrecerá rifas personalizadas a todos aqueles establecementos que desexen colaborar nesta campaña do comercio. As rifas terán unha imaxe do comercio, a promoción que se oferta e a duración da mesma. Todos aqueles establecementos que o día 1 de outubro ofrezan algunha promoción terán na entrada do comercio un globo verde para indicalo. Dito globo verde permanecerá visible mentres dure a promoción. Ao remate da feira do comercio sortearanse máis de 50 agasallos doados por varios establecementos da cidade.
As bases para participar están distribuídas nos comercios adheridos a EmRede e Santiago Centro, e publicadas no Facebook do evento. Para inscribirse na feira hai un correo electrónico de contacto: 55anosensanche@gmail.com.