Presentado ao comercio local o vídeo promocional da campaña #EuMercoAquí

Xuntanza do alcalde coas asociacións comerciais no salón de plenos.

omo vén acontecendo cada semana, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza cos representantes das asociacións de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede e Fundación Santiago Centro. Nesta ocasión, ademais de seguir avanzando en cuestións como o bono de estacionamento ou a campaña do comercio local, os/as representantes das asociacións comerciais puideron coñecer o vídeo promocional da campaña #EuMercoAquí.

“Nunca tanto vos botamos en falta, desta saímos xuntos” é unha das mensaxes que se mostra neste vídeo promocional e tamén noutros soportes da campaña #EuMercoAquí. Así, incídese na idea de que o comercio local seguirá enchendo de vida as rúas de Santiago, promocionando os produtos autóctonos e de proximidade; e por suposto abastecendo os/as cidadáns/ás de forma segura. A campaña pretende dinamizar as vendas empregando as plataformas online, as redes sociais e tamén os soportes tradicionais.

Imaxe da campaña #EuMercoAquí.

Encadrada no Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020 do Concello de Santiago, para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID-19, a campaña #EuMercoAquí pon de relevo a importancia destes establecementos comerciais para a cidade nun momento tan complexo como o actual. Agora máis que nunca, a sostibilidade do comercio é esencial para todos e debemos concienciar a cidadanía de que “desta saímos xuntos”.

Comunicar e salientar os valores únicos do comercio local é o principal obxectivo da campaña do Concello. Poñer o comercio da cidade no lugar que merece, dándolle especial protagonismo ás persoas que o forman, por contribuír a fomentar un consumo máis responsable e sostible, por potenciar a riqueza local, por promover un emprego que favorece a conciliación e a estabilidade, polo respecto ao medio ambiente, por fomentar a singularidade dos produtos artesanais e autóctonos, pola confianza, pola conexión e interrelación cos clientes; en definitiva, pola súa grande achega social, dinamizando e promovendo o desenvolvemento económico de Santiago.

Ligazóns