O Plan Estratéxico de Comercio 2016-2019 entra na súa segunda fase despois de que a Concellaría de Desenvolvemento Económico dera por finalizadas as entrevistas a axentes e colectivos comerciais da cidade. É a primeira vez que se fai un plan totalmente participativo, onde o resultado será o conxunto das achegas realizadas polos axentes do sector.
Para isto, nunha primeira fase entrevistáronse a máis de 30 entidades e persoas, entre os que atopamos asociacións de comerciantes, gremiais, veciñais, colexios profesionais, centros comerciais, asociacións de atención a colectivos específicos, persoal directivo e técnico das administracións públicas autonómicas e municipais e comercios individuais.
A segunda fase do Plan deu comezo esta semana coa posta en marcha das mesas de traballo. A primeira delas tivo lugar este martes e relacionouse co urbanismo. Nela, as persoas e entidades participantes trataron cuestións tan diversas como mobilidade, comunicacións, barreiras urbanísticas, equipamentos e infraestruturas.
As mesas de traballo están integradas por unha representación técnica de 8-10 persoas e nelas póñense en común as afirmacións e propostas que saíron nas entrevistas cara á súa validación, novas achegas e formulación de medidas de mellora e propostas de actuación concretas.
Outras temáticas a debater nas distintas mesas de traballo serán os hábitos de consumo dos segmentos de clientes ou a imaxe e promoción conxunta de Santiago; a creación de novos comercios e a consolidación e mellora dos existentes con especial fincapé no comercio de proximidade. En todas as mesas analizarase con carácter transversal a atención a colectivos sensibles (maiores, nenos, persoas de mobilidade reducida, con algunha discapacidade ou diversidade funcional….).
Finalizadas as mesas de traballo haberá un foro final cunha participación máis ampla no que se poidan validar os obxectivos a conseguir e as medidas de actuación propostas, sendo unha oportunidade para realizar novas achegas.
O Plan deberá ser aprobado pola Mesa Local de Comercio, da que forman parte as asociacións de comerciantes e as agrupacións políticas que integran a Corporación municipal. A previsión é que esta aprobación aconteza neste primeiro semestre do ano.