22/05/2025 A festa do comercio local celebra no mes de xuño a súa quinta edición. Durante os días 5, 6 e 7 de xuño Compostela acolle o “Prima 25”. Esta mañá, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o programa para este ano. Unha programación “que quere animar as vendas no pequeno comercio, poñer en valor a experiencia de compra presencial nos establecementos de barrio, e atraer novos perfís de clientela” explicaba María Rozas.
Na súa intervención, a concelleira tamén recalcou o compromiso do Concello co comercio de proximidade: “son os establecementos de barrio os que axudan a facer cidade, os que contribúen a construír a nosa identidade, e os que tecen comunidade”.
A festividade comezará o xoves 5 de xuño co pasarrúas musical a cargo de Brassica Rapa, que a partir das 18:00 horas percorrerá a zona do Ensanche.
Durante a tarde do venres continúan as celebracións con diferentes espectáculos. A partir das 18:00, Conxo acolle o concerto de María Faltri. Pola súa banda, na Praza Roxa representaranse dous espectáculos: “Moby Dick” de Pedras de Cartón ás 18:00 e “Silforiña” da compañía Golfiños ás 19:00. O día rematará con “Transhumancia sonora” de Paporrubio, pasarrúas polos barrios de San Pedro e Fontiñas.
As actividades do sábado, 7 de xuño, comezan pola mañá coa exhibición de ourivería na Praza do Obradoiro, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Ás 12:00 horas na Praza Roxa, Inventi Teatro representará a súa obra “A libraría máxica”. E a esa mesma hora, comezará o pasarrúas de Tanto nos Ten pola Zona Nova e a Praza de Abastos.
Remata a xornada de mañá co concerto de Catuxa Salom, ás 13:00 na Praza de Feixoo. E na Praza do Toural continúan pola tarde As Sircópatas con “Rogelio III. La fête”, ás 18.00 horas. Pecha as celebracións o concerto de Abril, a partir das 20:00 horas na Praza de Feixoo.
Comprar no comercio local ten premio
Un ano máis, completa a oferta de actividades a ruleta de agasallos “Eu merco aquí”. O venres 6 situarase na Praza Roxa, de 17:00 a 19:30 horas. Pola súa banda, o sábado estará na Praza do Toural, de 11:30 a 14:00 horas.
Para participar, deberase presentar por cada tirada un tícket de compra de 5€ ou máis, obtido no comercio local de Santiago entre o 2 e o 7 de xuño de 2025. As persoas participantes deberán ser maiores de 16 anos.