OS BONOS CORAZÓN ESTARÁN DISPOÑIBLES PARA A SÚA DESCARGA A PARTIR DE MAÑÁ 17 DE NOVEMBRO

bonos-corazon

16/11/2023 Os Bonos Corazón poderánse descargar a partir das 9.30 horas de mañá, 17 de novembro, a través da web bonoscorazoncompostela.gal. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou os detalles da nova convocatoria, á que se destina un orzamento de 433.000 euros. A principal novidade é que nesta ocasión só haberá bonos de 50 euros, e cada persoa poderá adquirir un máximo de tres. Como en edicións anteriores, o Concello achegará o 40% do importe do bono. Está previsto que o Boletín Oficial da Provincia publique mañá as bases da convocatoria e, unha vez cumprido ese trámite, os Bonos Corazón estarán dispoñibles para a súa descarga. A responsable de Comercio lembrou que “os detalles da convocatoria foron postos en común antes da súa aprobación tanto coas asociacións de comerciantes como coas de hostalería, ás que agradecemos a súa implicación e actitude construtiva”.

Tres bonos de 50 euros por persoa

María Rozas explicou que a principal novidade da convocatoria é que haberá un único tipo de bono por un importe de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa beneficiaria os 30 euros restantes. Cada consumidor ou consumidora poderá descargar un máximo de tres bonos. A concelleira sinalou que “o obxectivo foi simplificar o proceso e favorecer que os Bonos Corazón cheguen ao maior número de persoas posible”. Nese sentido, lembrou que o Goberno habilitou unha partida de 433.000 euros para a convocatoria, o dobre do que estaba inicialmente reservado nos orzamentos municipais prorrogados. A previsión é que grazas aos Bonos Corazón se mobilice un millón de euros en compras no pequeno comercio e na hostalería. Se cada persoa usuaria solicita o máximo de tres bonos, a convocatoria chegaría a uns 7.200 consumidores e consumidoras.

Compras ata o 22 de decembro

Os Bonos Corazón poderánse utilizar ata o 22 de decembro, e o seu funcionamento será idéntico ao de anteriores edicións. As solicitudes realizaránse a través da web bonoscorazoncompostela.gal, e os bonos terán formato dixital a través dun código QR estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. A responsable técnica do departamento de Comercio, Lucía Castro, explicou que os bonos tamén se poden solicitar presencialmente previa cita a través do enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 492. Desta maneira, apuntou, “trátase de evitar a fenda tecnolóxica, pensando sobre todo na poboación de maior idade”.

No momento da compra, as persoas usuarias mostrarán ese código QR para realizar o pago, e o importe do bono irase reducindo ata o seu esgotamento. Os bonos poderánse utilizar nunha ou varias compras ata o 22 de decembro, e a partir desa data os bonos non trocados caducarán.

Os establecementos interesados en sumarse ao programa dos Bonos Corazón poden facelo ata o 4 de decembro. A convocatoria está dirixida a negocios de comercio e hostalería, e no caso dos establecementos comerciais establécese a condición de que a súa superficie de venda será inferior aos 500 metros cadrados. O obxectivo, tal e como explicou a concelleira María Rozas, é que a convocatoria beneficie fundamentalmente ao pequeno comercio local.

Direccións relacionadas

Entradas relacionadas