Xa se pode visitar de forma virtual e permanente a mostra sobre os comercios emblemáticos da cidade

SONY DSC

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu a coñecer esta mañá a plataforma online para visitar a exposición O comercio, emblema dunha cidade, que estivo dispoñible no Centro Abanca Obra Social do 13 de outubro ata o 4 de decembro de 2016. Na rolda estivo o fotógrafo encargado da exposición, Afonso Sestelo.

Tal e como sinalou a concelleira, “poñemos a disposición de todas aquelas persoas que non puideron gozar da exposición no seu día ou que lles gustaría volver a vela, a posibilidade de que o fagan a través da web de comercio –comercio.santiagodecompostela.gal– onde estará dispoñible de maneira virtual e permanente”.

Marta Lois e Afonso Sestelo
Marta Lois e Afonso Sestelo

A visita permite visualizar a parte dedicada aos comercios emblemáticos nomeados no 2016 polo Mesa de Comercio: Sombrerería Iglesias, Ferretería Cruz, A Grileira, Platería Augusto Otero, Bernardino Otero Joyería, Luis Otero Joyería, Heladería La Imperial, Tintorería Moderna, Farmacia Bescansa e Libraría Pedreira. Tamén se poderá facer un percorrido pola sección artellada a partir do emprego de diferentes soportes expositivos e niveis de lectura tales como paneis explicativos, fotografías e pezas orixinais. Daralle ao visitante unha aproximación a como foi evolucionando o comercio na nosa cidade.

Aposta pola realidade virtual

Este tipo de visitas virtuais son un recurso e unha forma fácil, divertida e interactiva de ver un espazo en todas as súas direccións. Só é preciso mover o rato, os dedos ou incluso a cabeza se temos a nosa disposición unhas grafas de realidade virtual (VR). De feito, engadiu a concelleira, “a visita permítenos seleccionar a opción VR para o caso de que dispoñamos de gafas en 3D”. A exposición está formada por varias fotografías panorámicas esféricas para ver o espazo en 360ºx180º. Isto posibilita unha visión global e moi real do espazo visitado.

Marta Lois valorou moi positivamente esta iniciativa do Departamento de Comercio, sobre todo dende o punto de vista “da conservación do patrimonio inmaterial, que é moito é moi rico na nosa cidade”. Os comercios emblemáticos “forman parte da historia do Concello” e cómpre “colocalos no foco e no centro do comercio local e de proximidade, que é a clave do desenvolvemento económico dos concellos”, engadiu.

Ligazóns

Entradas relacionadas