A segunda mostra de “Comercios emblemáticos” estará aberta ata o 4 de febreiro en Afundación

Os/as participantes no acto inaugural.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, inauguraron esta mañá a segunda edición de Comercios emblemáticos, unha iniciativa posta en marcha polo Concello o pasado ano para premiar e homenaxear aos establecementos comerciais máis significativos de Compostela.

Nesta edición, os dez comercios seleccionados son: Asthor Decoración, Confecciones Riande, Ferretería Casas Chico, Joyería Mayer, La Novedad, Libraría Couceiro, Papelaría Compostela, Relojería Mayer, Rod Mayer e Ultramarinos Carro. Os premiados foron elixidos, tal e como lembrou Marta Lois, “pola Mesa Local do Comercio, que aglutina a institucións e entidades vencelladas ao tecido comercial. A concelleira quixo facer mención aos establecementos homenaxeados, definíndoos como “comercios de sempre, emblema e representación da nosa memoria, cidade e comunidade”.

Pola súa banda o alcalde, Martiño Noriega, repasou a traxectoria de todos eles e definiu a mostra como unha iniciativa que “supón valor engadido nun momento no que as cidades non se diferencian por modelos comerciais distintos. “Neste caso –engadiu- vós sodes parte da memoria colectiva nunha cidade que é Patrimonio da Humanidade”. Ademais, Noriega e Lois reivindicaron o comercio local e de proximidade.

O horario de apertura da exposición é o seguinte: de luns a venres, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Non obstante, pechará os días 24, 25, e 31 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro.

Colaboran co Concello na organización deste evento Afundación Obra Social Abanca, Cámara de Comercio, Compostela Monumental, Em Rede, Mercado de Abastos de Santiago, Santiago Centro Área Comercial e Unión de Consumidores de Galicia.

Na páxina web do Departamento de Comercio aínda pode realizarse unha visita virtual pola anterior edición da exposición.

 

Entradas relacionadas