A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe unha nova edición do programa Con B de Barrio, para a dinamización do pequeno comercio. O obxectivo desta iniciativa pasa por apoiar, dinamizar e estimular o pequeno comercio de barrio. Na rolda estivo acompañada de Ángel González, de Edan Xestión.
Marta Lois explicou que “presentamos unha nova edición despois do éxito do programa durante o ano 2016, cun total de 16 proxectos de dinamización asesorados de xullo a decembro de 2016”. Cada proxecto partiu dun comercio beneficiario directo, “creándose redes de colaboración comercial e sinerxias, tanto individuais como colectivas”.
Para a concelleira de Desenvolvemento Económico, resulta ademais fundamental “seguir potenciando plans que axuden a dinamizar o comercio local e de proximidade fronte ás grandes superficies. Ese é e seguirá sendo unha das nosas prioridades como goberno”.
Proponse escoitar, recoller, transformar e canalizar as situacións problemáticas do comercio de barrio, traballando na súa supervivencia e mellora. A partir das necesidades concretas de 15 comercios beneficiarios, crearanse 15 proxectos de dinamización comercial nos cales cada comercio será o centro ou nodo. Poderán participar todos os comercios de Santiago, agás aqueles que tiveran participado na primeira edición.
Prestarase, polo tanto, un servizo de consultoría aberta para o pequeno comercio de barrio mediante o cal un asesor ou asesora guiará cada establecemento beneficiario para mellorar a capacidade de captación e fidelización de clientes a través de estratexias comerciais e de mercadotecnia. O labor de consultoría implicará escoitar as necesidades dos comercios beneficiarios, diagnosticar a súa situación, deseñar estratexias comerciais e de mercadotecnia efectivas e crear estratexias de colaboración entre establecementos con intereses compatibles.
A duración do servizo de consultoría será dende a aprobación dos comercios beneficiarios ata o 16 de decembro de 2017.
Funcionamento dos proxectos
O asesoramento será presencial, telefónico e en liña. Existirá unha atención personalizada presencial de 35 horas nas dependencias de cada comercio beneficiario. O horario de reunións fixarase conxuntamente co comercio. Complementariamente haberá unha atención e disposición en liña e telefónica para consultas. Poderán participar todos os establecementos comerciais de Santiago, aínda que o número de beneficiarios directos das asistencias gratuítas será de 15, creándose, polo tanto, 15 proxectos.
Se o proxecto premiado é colectivo, permitirase un número máximo de dúas persoas nas sesións de consultoría, das cales sempre será obrigada a presenza da promotora principal.
O prazo para presentar as correspondentes candidaturas rematará ás 14:00 horas do día 3 de abril. Este prazo poderá prorrogarse en caso de que o número de candidaturas admitidas sexa inferior a 15.
A inscrición realizarase mediante o envío en liña do formulario dispoñible na web do Departamento de Comercio. Á hora de formalizar a inscrición deberase indicar no campo “observacións” unha carta de presentación do negocio, as principais carencias e fortalezas do mesmo, así como os motivos polos cales quere participar no programa Con B de Barrio.
As candidaturas presentadas valoraranse atendendo á orde temporal de inscrición, aos comercios con superficie de venda inferior a 150 metros cadrados e aos comercios localizados en áreas xeográficas onde non exista asociación de comerciantes representativa.
Resultados da primeira edición
Marta Lois valorou “moi positivamente” a primeira edición de Con B de Barrio, na que non so se asesorou de maneira satisfactoria a 16 comercios, senón que se crearon sinerxias cun total de 115 establecementos. O tempo total que se dedicou a este programa estivo preto das 1.000 horas, contando coas presenciais e non presenciais.