O Goberno consensúa as bases dos Bonos Corazón coas entidades comerciais de Santiago

bonos-corazon

06/11/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes das asociacións de comerciantes de Santiago para poñer en común as bases da nova convocatoria dos Bonos Corazón. Nos próximos días, celebrarse outra xuntanza co sector hostaleiro. A previsión é que os bonos estean dispoñibles a mediados deste mes e se poidan consumir ata o 22 de decembro.

Na reunión coa concelleira responsable de Comercio participaron representantes de Santiago Centro, Compostela Monumental, Em Rede, e Comercio Punto Compostela. María Rozas explicou os cambios que se van introducir nas bases da convocatoria deste ano, a principal relacionada co importe dos Bonos Corazón. Así, este ano só haberá bonos de 50 euros, e cada persoa poderá solicitar un máximo de tres. Deses 50 euros, o Concello achegará o 40%, porcentaxe idéntica a de anos anteriores. Ademais, decidiuse limitar a convocatoria aos establecementos que non superen os 500 metros cadrados, “co obxectivo de favorecer ao pequeno comercio de proximidade”.

Na xuntanza, María Rozas explicou tamén os motivos polos que non se fan dúas convocatorias diferentes de Bonos Corazón para o comercio e para a hostalería. Tal e como apuntou a concelleira, “facer dúas convocatorias suporía o risco de deixar fondos sen gastar, no caso de que nun dos sectores non se esgotara a partida habilitada, que non podería ser destinada ao outro”.

O Concello destinará este ano 433.000 euros aos Bonos Corazón, unha cantidade que duplica as previsións iniciais do Goberno, posto que nos orzamentos prorrogados de 2023 só había unha partida de 200.000 euros para esta convocatoria. O obxectivo é mobilizar un millón de euros en compras no pequeno comercio e na hostalería. Os Bonos estarán operativos a mediados deste mes, e poderánse gastar ata o 22 de decembro.

 

Entradas relacionadas