Un total de 84 comercios participa en Pasearte, a primeira Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago, presentada hoxe nunha rolda de prensa á que asistiron a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández; o comisario e director da mostra, Javier Blanco; representantes das galerías de arte colaboradoras -Luisa Pita, Metro, Federica no era tonta e Trinta- e dos patrocinadores: Grupo Ulla, Quatrium Inmobiliaria e Taller de Marcos.
As obras, pertencentes ás coleccións das catro principais galerías da cidade, estarán expostas cara ao público nos establecementos durante toda a campaña de Nadal. A Fundación Santiago Centro, promotora da iniciativa, busca deste xeito converter as rúas da zona nova de Santiago nun museo e contribuír deste xeito a poñer en valor o comercio de proximidade.
O comisario da mostra cualificou Pasearte coma unha “acción cultural orixinal e extraordinaria que quere poñer en valor tanto o traballo das galerías como a importancia social do comercio de proximidade”. “Para galeristas e artistas –dixo- a montaxe supuxo “un reto moi enriquecedor, porque houbo que adaptar as obras para encaixalas nos escaparates”. É, para Blanco, unha ocasión “tanto para que os veciños e foráneos coñezan o que se fai no mundo da arte contemporánea como para que os profesionais da arte se acheguen á realidade”.
A concelleira Marta Lois afirmou que a mostra é “orixinal, sorprendente e necesaria, unha razón máis para que a xente de fóra se achegue a Santiago este Nadal. Pasearte demostra outra vez a musculatura emprendedora de Santiago Centro e do comercio de proximidade”.
Pola súa parte, Anxo Lorenzo destacou o “elenco de artistas importantes e de diferentes xeracións” con que conta a mostra, “unha gran idea para divulgar a arte contemporánea nun momento no que os comercios se visitan moito”. “Pasearte vai ter a virtude de mover o ecosistema artístico e de sacar as galerías do seu territorio, polo que auguro que é unha cita que chega para quedar”.
José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, destacou o privilexio que é “contar con corenta artistas como Antonio Murado, Iván Prieto, Vari Caramés, Berta Cáccamo ou Vicente Prego” nos escaparates. “A singularidade de Pasearte –indicou- é que implica ao comercio de proximidade e así fai que a arte saia ao paso dos veciños mentres camiñan, charlan ou fan as súas compras de Nadal. Para isto, o Ensanche é o lugar ideal e estas datas o momento xusto”.
Pasearte conta co apoio das concellerías de Acción Cultural e de Comercio do Concello de Santiago; a Secretaría Xeral de Cultura e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta; e co patrocinio de Grupo Ulla, Quatrium Inmobilaria e Taller de Marcos. As galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta traballaron, xunto co comisario da mostra, o xestor cultural Javier Blanco Lado, na integración coa decoración dos escaparates.
Actividades paralelas
A exposición esténdese pola maior parte das rúas do Ensanche, creando un continuo expositivo que permite aos visitantes gozar das creacións ao tempo que pasean pola zona. En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros, charlas e encontros abertos con artistas, que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e máis nas
cafeterías Krystal e Lembranza; visitas guiadas; visitas escolares e accións artísticas en vivo que permitirán ao público compostelán pasear e gozar da arte nos seus escaparates. Para facilitar a visita, Santiago Centro editará uns mapas nos que se poden localizar os comercios e as obras que exhiben.