O Concello convoca unha serie de axudas para a reforma de locais de negocio e implantación de TIC no sector comercial

SONY DSC

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá as bases da convocatoria de axudas para a reforma de locais de negocio, implantación de tecnoloxías da información e a comunicación e incorporación de innovacións no sector comercial. Destínase un total de 25.000 euros.

A concelleira de Desenvolvemento Económico sinalou que “se trata do primeiro ano no que poñemos en marcha dende o Departamento de Comercio este tipo de axudas, que tratan de fomentar a cultura da innovación no pequeno comercio. Queremos dotar ao comercio de proximidade das ferramentas precisas para conseguir a súa modernización e que aumenten así a súa competitividade de cara ás grandes superficies”.

Nese sentido, subvencionaranse aqueles investimentos relacionados coa incorporación de novos produtos, procesos, métodos de comercialización ou de organización empresariais. Esta convocatoria de axudas vai destinada a financiar os investimentos realizados.

Teranse en conta na valoración das solicitudes presentadas a esta convocatoria o volume do investimento realizado (cun punto os inferiores ou iguais a 2.000 euros, con 2 os inferiores ou iguais a 5.000 e con 3 os superiores a 5.000); o tamaño da empresa (que non supere as cinco persoas traballadoras); a forma xurídica, valorando máis que sexa cooperativa ou de inserción laboral; o uso do galego; a empregabilidade da muller; o fomento do asociacionismo; o emprego xuvenil e o tamaño do establecemento comercial.

Ao presente programa destínase unha partida de 25.000 euros, aínda que a contía máxima por persoa beneficiaria será de 4.000 euros. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4), no rexistro auxiliar situado na rúa de Frei Rosendo Salvado ou por calquera dos medios previstos na lei. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro.