Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas

Axudas e subvencións comercio Santiago

Ficha da subvención

Denominación

Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas

Convocatoria: Aberta

Data de publicación: 18/07/2024

Prazo entrega solicitudes: Inicio 19/07/2024 Fin 30/09/2024

información, ligazóns e consultas

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Rúa Gregorio Hernández, 2-4

15071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881592/ 881881548/ 981182390

Email: axudasautonomos.traballo@xunta.gal

Bases da convocatoria

Extracto da convocatoria

Solicitude a través da Sede Electrónica

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 9 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR349W).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o exercicio orzamentario de 2024, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas a fomentar a creación de emprego de calidade e a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego. A presente orde busca pois impulsar a contratación indefinida das mulleres, por ser aínda un colectivo vulnerable no que ao acceso ao emprego indefinido se refire.

Os datos de incorporación das mulleres ao mundo laboral en España e en Galicia seguen estando por detrás da media europea, por causas socialdemográficas estruturais que dificultan o seu acceso a este mercado ou as afastan do tecido produtivo. Ademais, os contextos de crise económica como a xerada pola recente pandemia da COVID19 poñen en risco a estabilidade e a calidade no emprego, tanto de homes como de mulleres, sendo estas as máis prexudicadas, dados os obstáculos que xa de por si enfrontan e sendo tamén as que maiores taxas de expulsión presentan, converténdose nun dos colectivos máis afectados, polo que se fai preciso articular medidas específicas que melloren o seu acceso ao mercado de traballo.

O artigo 117 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece que a consellería competente en materia de emprego e de relacións laborais promoverá a contratación de mulleres en ámbitos laborais tradicionalmente ocupados por homes, co fin de eliminar neles a infrarrepresentación laboral feminina. Entre esas medidas incluiranse axudas económicas dirixidas a fomentar a contratación por conta allea de mulleres.

Por outra banda, o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 recolle esta actuación de forma transversal no seu ámbito 1. Empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial, e establece entre as súas prioridades de actuación a de contribuír a que se garantan a igualdade de mulleres e homes nas condicións laborais. Ademais da constatada desigualdade salarial, cómpre desenvolver accións dirixidas a promover a eliminación doutros atrancos na dinámica das empresas, como os sistemas de selección, a promoción, o acceso á formación ou a conciliación da esfera profesional e a vida privada.

A través desta orde de axudas tamén se pretende incrementar a presenza de mulleres profesionais en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como información e comunicación ou actividades profesionais científicas e técnicas. Desta forma contribuirase a atraer e reter o talento, onde a diversidade é unha fonte de riqueza e unha forza competitiva, ao mesmo tempo que se contribuiría a diminuír a fenda salarial entre mulleres e homes incrementando a renda das mulleres e a súa promoción profesional.

Estas axudas ampáranse, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28.6.2014, L190/45).

O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto nesta orde e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024 as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións.

Con este fin establécense dúas liñas de axudas:

1. Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.

2. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e coas condicións que se establecen nesta orde.

LUGAR E Prazode presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento TR349W)

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.