O Departamento de Comercio vén de publicar as listaxes provisionais das axudas para a mellora e innovación do comercio local, incluídas no programa “Coidar para mellorar” e postas en marchas xunto co Departamento de Políticas Lingüísticas. A dotación definitiva para cada unha das liñas, condicionada á declaración da súa dispoñibilidade logo de que se aproben as modificacións orzamentarias que cumpran, queda do seguinte xeito: liña A, 154.340 €; liña B, 23.040 €; e liña C, 102.620 €. Estas achegas tratan de fomentar a cultura da innovación no comercio local como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial.
Na liña A desta convocatoria están incluídos os investimentos para a adecuación dos locais (obras de reforma; mellora de illamentos, equipamento e instalacións; substitucións de ventás, portas ou outro tipo de mobiliario, elementos de iluminación ou rótulos comerciais); maquinaria e bens de equipo, incluídos os informáticos, e os relacionados coa actividade produtiva da empresa; periféricos e outros compoñentes; TPV integrados; paquetes de software de xestión, organización ou comercialización empresarial e licenzas precisas para a realización da actividade da empresa; ou outros investimentos en innovación relacionados coa incorporación de novos procesos, métodos de comercialización (comercio electrónico) ou de organización empresariais.
Os comercios localizados no ámbito do Plan especial de rehabilitación da Cidade Histórica quedan excluídos da posibilidade de obteren axudas para gastos investimentos na adecuación física dos locais, dentro da liña A, ao poderen concorrer á convocatoria específica do programa “Localízate”, dirixido á mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, á mellora da imaxe exterior e ao acondicionamento interior dos locais da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, convocada polo Consorcio de Santiago.
Nesta liña A presentáronse 128 solicitudes, das que foron aceptadas 62, e 49 quedan na lista de agarda.
Liña B
Na liña B figuran os gastos de comunicación en lingua galega, como honorarios profesionais para: o deseño ou actualización da imaxe corporativa; o deseño, redacción, programación ou xestión de calquera material comunicativo; os gastos relativos á produción e reprodución de materiais comunicativos; e os gastos de produción e organización de eventos comunicativos ou promocionais.
Recibíronse 30 solicitudes para esta liña B, das que foron aceptadas 18, quedando 8 en lista de espera.
Liña C
Na liña C están incluídas as axudas para gastos na adecuación dos negocios e en servizos profesionais relacionados coa innovación ou coa recuperación económica necesaria por mor da Covid-19. Poden ser: gastos de asesoría e consultaría financeira e laboral ordinarios ou extraordinarios realizados; honorarios profesionais para o deseño de escaparates e servizos de mercadotecnica visual, ou para o mantemento e xestión de páxinas web, así como mantemento de redes informáticas e sistemas de xestión empresarial. Tamén se poden incorporar os gastos de mantemento de hosting e TPVs virtuais, e os gastos correntes necesarios para a adecuación dos locais.
A esta liña concorreron 89 solicitudes, sendo unicamente rexeitadas 5 e aceptándose todas as demais.
A través desta convocatoria poderase subvencionar ata o 80% do importe total do orzamento de gastos, establecendo unha contía máxima individualizada de 5.000 euros por liña, é dicir, 15.000 euros como máximo para o conxunto das liñas, por persoa beneficiaria.
As listaxes poden consultarse no documento adxunto, e tamén nas webs de Comercio e do programa Coidar para mellorar.