08/02/2024 Campaña solidaria do comercio local de Santiago no mes de febreiro
Os protagonistas do mes de febreiro que colaboran solidariamente no marco de 12 Comercios 12 Sensibilidades son Vanesa Alvite da Xoiería Jose Antonio e Alba López, tecnica de Comercio Xusto SG de Solidaridade Internacional de Galicia. Esta iniciativa de colaboración busca non só satisfacer os sentidos, senón tamén concienciar sobre a importancia do comercio ético, solidario e xusto.
A Xoiería Jose Antonio, situada na emblemática rúa Nova de Abaixo, 4, converteuse nun punto de encontro para os amantes da xoiería e tamén para aqueles que buscan un momento de sabor e solidariedade. Neste mes de febreiro participa da campaña 12 Comercios 12 Sensibilidades, unha iniciativa de apoio a entidades solidarias que xurde de varias comerciantes compostelás, contando co apoio do Concello de Santiago.
Comercio Xusto SG de Solidaridade Internacional de Galicia é unha ONGD creada no ano 1996 para cubrir e cumprir, na Comunidade Autónoma de Galicia, os mesmos obxectivos que ten a Fundación Española para la Cooperación. Neste mes podemos visitar a exposición de bixutería en @joyeriajoseantonio mentres probamos os diferentes cafés de @comercioxustosig como as variedades de Colombia, Honduras ou Burundi. Sabías que o café de ETHIQUABLE defende unha solución ó acceso desigual á terra?
Podemos achegarnos á rúa Nova de Abaixo nº4 para visitar na planta de arriba a exposición libre de bixutería e desfrutar dun delicioso café de Comercio Xusto mentres coñecemos un pouquiño máis sobre TARA Projects, unha cooperativa da India que fabrica xoiería artesanalmente. TARA Project agrupa a trinta organizacións produtoras de comercio xusto, cuxos artesáns proceden de comunidades en situación de vulnerabilidade nos barrios marxinais e áreas rurais da India. Estes talentosos artesáns elaboran pezas únicas que fusionan tradición e modernidade, ofrecendo ás visitantes marcas de moda e xoias cun trato próximo e personalizado.
08/01/2024 Campaña solidaria do comercio local de Santiago no mes de xaneiro
O programa «12 Comercios, 12 Sensibilidades» iniciouse o pasado mes de xaneiro coa tenda en liña de artesanía e antigüidades Águila Atlántica, www.1aguilaatlantica.com, que colabora para dar a coñecer o traballo da Fundación Pictoaplicaciones, un proxecto solidario do Grupo Promedia orientado a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) ou outros trastornos na comunicación e a linguaxe oral.
A Fundación Pictoaplicaciones é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada Fundación de Interese Galego, que se dedica á promoción da inclusión e á mellora da calidade de vida de persoas con diversidade funcional, como persoas con Trastorno do Espectro Autista, Asperger, Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento, Trastornos da Linguaxe e en xeral de todas aquelas persoas que requiren unha educación adaptada. Tamén poden beneficiarse dos seus proxectos persoas que, por moi diversos motivos, visen afectadas as súas capacidades de comunicación (alzheimer, ictus…) O obxectivo de Pictoaplicaciones abrangue a formación, a divulgación, a promoción, o estudo e a investigación en áreas clave como a educación, as novas tecnoloxías, o desenvolvemento e a cultura, co obxectivo de potenciar a súa autonomía persoal.
Podemos contribuír á súa visibilidade participando no SORTEO de 2 bolsas solidarias doadas pola Fundación Pictoaplicaciones. O sorteo rematará o 29 de xaneiro e as persoas gañadoras anunciaranse o día 30. Ademais do sorteo, poderase mercar os artigos de merchandising de Fundación Pictoaplicaciones con gastos de envío gratuítos para as compras durante o mes de Xaneiro 2024.