O Concello e CISPAC colaboran nun estudo para reforzar o papel da Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade

Departamento de comercio2

O Concello de Santiago segue traballando co obxectivo de revitalizar a Praza de Abastos, e vén de convocar aos praceiros e praceiras a unhas xornadas de traballo que se centrarán no papel do mercado como centro de alimentación de proximidade. Trátase dunha iniciativa que a concellaría de Mercados, que dirixe Xan Duro, desenvolve en colaboración co CISPAC, o Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais do que fan parte as universidades de Santiago e A Coruña.

O Concello de Santiago quere garantir a identidade da Praza de Abastos e que siga sendo referente na venda do produto fresco e de proximidade, compatibilizando iso coa súa modernización para chegar a nova clientela e garantir o relevo xeracional. Con ese obxectivo, estableceuse unha liña de colaboración co CISPAC, que elaborará un informe sobre o papel do mercado como centro de alimentación de proximidade e sobre o contexto produtivo da contorna de Compostela. Na elaboración dese estudo, que debe ser base para reforzar a conexión dos produtores e produtoras coa Praza de Abastos, estarán implicados os praceiros e praceiras, “porque entendemos que a súa participación activa é imprescindible para pensar colectivamente o modelo do mercado para o futuro, identificar os seus problemas e poñer en valor as súas potencialidades”, tal e como explicou o concelleiro Xan Duro.

Este traballo en colaboración co CISPAC comezará a próxima semana, cunha primeira xuntanza aberta aos praceiros e praceiras, o 14 de novembro. Posteriormente, desenvolveránse reunións de traballo sectoriais con investigadores e investigadoras do Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais.

Do resultado destas xornadas e do traballo do CISPAC iráse dando conta na mesa de traballo da Praza de Abastos, constituida por dez representantes das diferentes naves do mercado, un representante da Unión de Consumidores de Galicia, outro do sector hostaleiro, e outra das entidades veciñais. Ademais, participan diferentes técnicos municipais e o propio concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro.

Praza de Abastos

Entradas relacionadas