05/12/2024 O Mercado da Estrela celebrará do 13 ao 15 de decembro a súa edición número 13, consolidado como un evento de referencia na programación de Nadal e como escaparate do mellor da artesanía e do produto galego. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou a programación, acompañada pola directora do mercado, Mónica Mejías.
María Rozas salientou que “o Mercado da Estrela pón en valor o talento local, pero ademais é unha iniciativa que leva anos descubríndonos o noso patrimonio, abrindo espazos singulares como San Martiño Pinario ou o Pazo de Fonseca”. A tenenta de alcaldesa mostrouse convencida de que o programa “superará o récord de asistencia de 2023, con case 28.000 visitantes, 8.000 máis que un ano antes”. Para Rozas, este éxito “é o resultado do traballo ben feito pero tamén dun cambio de paradigma, dunha maior consciencia da necesidade de apostar por un consumo máis responsable e de poñer en valor a calidade e o talento dos produtos artesanais e do comercio local”.
Na mesma liña, Mónica Mejías lembrou que o Mercado da Estrela leva como lema “Agasalla talento galego”, e cada ano “é máis a xente que nos di que agarda ao mercado para facer compras de Nadal e para atopar regalos especiais e de calidade”.
Programación
O Mercado da Estrela terá os seus postos de artesanía e produto galego na hospedaría e claustro procesional do mosteiro de San Martiño Pinario, e haberá tamén un espazo específico de Artesanía de Galicia no comedor e xardín do Pazo de Fonseca. A feira estará aberta o venres de 17 a 21 horas; e o sábado e o domingo de 11 a 21 horas.
A zona foodtruck, con vehículos de comida e sesións musicais a cargo de picadiscos de distintos xéneros, estará instalada na Praza 9 de marzo; mentres que os concertos e as actividades musicais manteránse na pista do Centro Xuvenil Don Bosco. No cartel deste ano figuran actuacións tan relevantes como Boyanka Kostova, Amoebo, Belish, Alana, Pava, Terrae, MONOULIOUS DOP, More Amore DJs, MeuReich, Señora DJ, DJ Daasanach, Crooked Davage DJ, Saibran DJ. Como novidades, teremos o “Bigo estreleiro” con Lúa Gándara, e o “Bingo Musical” con Esteban, dúas propostas que, como explicou Mónica Mejías, “teñen como obxectivo animar á participación dos asistentes, para que conten as súas anécdotas no Mercado da Estrela, ou mesmo para que fagan as súas declaracións de amor”.
Ademais diso, haberá actividades de ocio e obradoiros pensados, fundamentalmente, para o público infantil, en diferentes espazos.