Campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” protagonistas no mes de setembro

Departamento de comercio2

A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades”

A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” pon en valor o produto fresco e de proximidade

12/09/2024 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, visitou esta mañá na Praza de Abastos o establecemento “Cousas do Campo”, protagonista de setembro na campaña “12 comercios, 12 sensibilidades”. Ao longo deste mes, o establecemento de froitas e verduras está dando a coñecer o mercado labrego semanal “Daquí darredor”, e poñendo en valor os produtos frescos e de proximidade. Ao longo de todo o mes, “Cousas do Campo” organizou degustacións de produtos como marmeladas, zumes ou galletas elaboradas con produtos de proximidade, que se poden atopar en “Daquí Darredor”. Este é un mercado labrego semanal que se celebra en Brión, e desde o que se impulsan diferentes actividades paralelas que teñen como obxectivo que os consumidores e consumidoras coñezan de primeira man como se producen os alimentos.

A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” foi impulsada por un grupo de mulleres comerciantes da cidade, en colaboración coa concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, co obxectivo de tecer rede e darlle visibilidade a diferentes entidades solidarias que traballan en Santiago. No marco desta iniciativa, cada mes é un establecemento o que difunde unha causa social ou solidaria, coa colaboración sempre das outras tendas participantes.

A concelleira María Rozas reiterou a súa satisfacción pola marcha da campaña, “polo seu contido social, pero tamén porque pón en valor un modelo de comercio de proximidade que temos que seguir potenciando”.

Enlace de interés

http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?id_nova=23608&lg=gal

 A concelleira María Rozas, visitou esta mañá o establecemento “Cousas do Campo”

11/09/2024

📸 Almudena Vega de @cousasdocampofroitaseverduras estivo o pasado venres coñecendo o mercado labrego semanal de @daqui_darredor no @monte_balado (Brión). 🌿

🍏 Este mes, a asociación Daquí Darredor organiza diferentes eventos para achegar á xente da contorna o seu proxecto colaborativo e o valor dos produtos de proximidade. Cabe destacar:

✅ Visitas guiadas ás hortas das súas asociadas para que coñezas de primeira man como se producen os alimentos.

📅Feira Labrega o domingo 22 de setembro, de 11 h a 20 h, no adro da igrexa de Os Ánxeles. Aquí poderás atopar exposicións, venda de produtos frescos, obradoiros, degustacións e música 🎶.

🥄 Ademais, continúa a degustación de marmeladas cada xoves e sábado de 10 a 13 h. no posto de Cousas do Campo na @prazadeabastos.

🥰 Non perdas a oportunidade de apoiar o comercio local e descubrir o sabor auténtico da nosa terra!

Visita de Almudena ao mercado labrego
Cartaz das rutas das hortas
Cartaz Feira Labraga

06/09/2024

📆📌 Todos os xoves e sábados do mes de setembro, @cousasdocampofroitaseverduras convida a unha degustación de marmeladas de @daqui_darredor, en horario de 10 a 13 h.

🛍️ Aquelas persoas que compren produtos de #daquidarredor obterán un 15% de desconto na súa compra na tenda da @prazadeabastos 👌🏻.

Este mes de setembro Cousas do Campo Froitas e Verduras dá visibilidade a asociación Daqui Darredor na que participan varios productores de hortalizas e froitas que elaboran as conservas vexetais na cociña colaborativa de Brión.

04/09/2024

🤗 Continuamos coa colaboración solidaria do mes de setembro.

👉🏻 Todos os xoves e sábados deste mes temos unha cita de 10 a 12 h na @prazadeabastos, para degustar en @cousasdocampofroitaseverduras as marmeladas elaboradas no proxecto colaborativo @daqui_darredor 🍏

🛍️ Ademais, ao mercar marmeladas da asociación, obterase un desconto do 15% na tenda!

02/09/2024

📆📌 A colaboración solidaria da campaña #12comercios12sensibilidades neste mes que comeza, vai ter aos productos agrícolas de proximidade como protagonistas en cada publicación.

🍎 Nesta ocasión, @cousasdocampofroitaseverduras vaille a dar visibilidade á asociación @daqui_darredor ata finais de mes 🥬.

🤗 Prestade atención ás redes sociais, pronto compartiremos máis información sobre esta deliciosa colaboración 😋.

O comercio de Santiago amosa a súa cara máis solidaria co proxecto “12 comercios, 12 sensibilidades”

02/09/2024 Unha ducia de comerciantes de Santiago veñen de xuntarse nun novidoso proxecto que ten como obxectivo darlle visibilidade a outras tantas entidades solidarias. Baixo o nome “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, a iniciativa permitirá tamén favorecer o fluxo de clientela entre pequenos establecementos de diferentes puntos da cidade e dedicados a distintos sectores. O programa conta coa colaboración da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude

A través de “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, doce establecementos de Santiago darán a coñecer outras tantas entidades sociais e solidarias ao longo de todo o ano. Cada mes, a iniciativa será protagonizada por un comercio, que difundirá o labor dunha entidade concreta a través de actividades como exposicións, charflas ou obradoiros. 

O programa neste mes de setembro chega á Cousas Do Campo Froitas e Verduras que dará a coñecer o traballo de Daquí Darredor.  Daquí Darredor é un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas e gandeiros. No seu centro de cotraballo, transforma os alimentos cultivados e elaborados por agricultores e gandeiros da zona para a súa comercialización, facilitando así o negocio destes produtores locais.  Este proxecto dispón dunha cociña colaborativa con dúas liñas de produción para a transformación de alimentos da horta da túa casa con rexistro sanitario para abrir a vía da comercialización non só de produto fresco senón de conservas, marmeladas, zumes, pan, bolería… Esta cociña estará situada no Centro Comercial Monte Balado (Os Anxeles-Brión) e podes descargar a distribución da mesma nesta ligazón descargas. Tamén está posto en marcha un matadoiro móbil para a matanza de aves e coellos cumprindo con todos os requisitos sanitarios, o que permitirá a súa posterior comercialización por parte das persoas produtoras. Podes descargar os planos do matadoiro móbil e ver un vídeo del funcionando nesta ligazón descargas

Con esta iniciativa, ‘Daquí Darredor’ busca dinamizar o comercio local en diversos aspectos. A oferta de produtos non se reduce só a alimentos, xa que os veciños que organizan as feiras tamén inclúen postos de venda de libros, artesanía e mesmo roupa de segunda man, participando nunha dinámica sostible e integradora. Con Daquí Darredor o emprendemento nunca estivo tan preto do agro galego.

En Cousas do Campo Froitas e Verduras, na rúa das Ameas, posto 3, poderemos atopar un stand informativo de Daquí Darredor para dar apoio a esta entidade. Cousas Do Campo Froitas e Verduras e unha froitería que está no mercado de Abastos de Santiago, onde encontrar froitas e verduras frescas de tempada, laranxas, limóns, mandarinas, peras, mazás, plátanos, uvas, melóns, sandías, piña, mango, hortalizas etc. e poderás degustar ensaladas, gaspacho, zumes, olivas, limoada e moito mais. O lle gusta a Almudena,  propietaria de Cousas do Campo, é a calidade do producto que vende e o trato de confianza cos clientes.

Os comercios participantes informarán das actividades de cada unha das entidades solidarias a través de diferentes iniciativas como poden ser charlas, distribución de material, ou exposicións. Tamén poderá haber recadación de fondos para as asociacións, a través da venda de produtos vinculados con elas. Como atractivo engadido, poderá haber diferentes vantaxes para a clientela dos establecementos como descontos, agasallos ou sorteos.

Recordámosvos as próximas citas do calendario de 12 Comercios, 12 Sensibilidades 👇
 

Entradas relacionadas