María Rozas visita D’Aldea no marco da campaña “12 comercios, 12 sensibilidades”

12c12slogocomer (1)

A campaña “12 comercios, 12 sensibilidades” 2025

10/04/2025

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, visitou onte a tenda de alimentación sostible D’Aldea, protagonista do mes de abril da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”. D’Aldea conta cun punto informativo e de venda de produtos solidarios para colaborar coa entidade Abeiratúa, cuxo traballo está encamiñado a mellorar a calidade de vida de persoas con cancro.

Na súa visita, Rozas reiterou o valor que ten esta campaña, “que segue demostrando o enorme valor engadido que ten o pequeno comercio de Santiago e a súa vertente solidaria e capacidade para construír comunidade”. Así mesmo, destacou a calidade das tendas de proximidade, “da que é un claro exemplo D´Aldea que ademais traballa produtos ecolóxicos e de proximidade que tamén debemos reivindicar”. E, por último, encomiou a labor que Abeiratúa desenvolve na atención aos pacientes oncolóxicos, “que precisan de todo o acompañamento e de actividades como as que desenvolve a asociación para mellorar o seu estado físico pero sobre todo a súa saúde psicolóxica e emocional, unha parte á que ás veces non chega a atención prestada desde a sanidade pública”.

Raquel Ríos de D’Aldea foi a anfitrioa da visita da concelleira; que tamén contou coa presencia de Noemí Sanmartín de Abeiratúa.

Ademais do punto informativo en D’Aldea, a campaña ten organizadas unha serie de actividades ao longo de todo o mes para a promoción de hábitos saudables e para darlle visibilidade ao traballo de Abeiratúa. Así mesmo, organízase un sorteo solidario que se levará a cabo o vindeiro 30 de abril e que ten como premios un vale para produtos de D’Aldea e dúas clases de proba en Abeiratúa.

Entradas relacionadas