Compostela expón desde hoxe as obras artísticas do Museo Máis Pequeno da Cidade

1678789670cartaz_O_museo_mais_pequeno_da_cidade_ok

16/05/2023 Desde hoxe e ata o 14 de xullo, os establecementos comerciais da nosa cidade servirán de escaparate dos 55 traballos artísticos realizados pola veciñanza no marco da iniciativa “O Museo máis pequeno da cidade”. Impulsado polo Departamento de CSC do Concello de Santiago e inspirada na idea orixinal de Noemí Batllori, o Museo Máis Pequeno da Cidade (MPC) é unha intervención sociocultural e artística que pretende achegar o mundo da arte á veciñanza e promover a súa participación activa, fomentando á vez a creación de comunidade e a mobilidade entre diferentes barrios.

Desde o lanzamento da inciativa, 55 propostas creativas foron achegadas en total polos veciños e veciñas de Compostela. Trátase de obras de arte en tamaño reducido, realizadas nun oco de 13 x 13 cm para os que se empregaron todo tipo de materiais: caixa de cartón, papel, pompóns, purpurina, folios de cores, rotuladores, figuriñas, cola… e moita imaxinación.

Os 55 traballos artísticos presentados serán expostos a partir de hoxe noutros tantos establecementos comerciais da cidade, o que permitirá amosar estas obras en formato reducido non soamente nos centros dos barrios, senón en toda a cidade, facéndoa viva e creadora.

Os diferentes emprazamentos están recollidos nun mapa cunha listaxe que servirá de guía e que poderán ser descargados nesta mesma páxina, ou a través dun código QR que estará en cada unha das localizacións. Tamén estará dispoñible na oficina Turismo de Santiago para os visitantes que se acheguen á cidade.

Esta iniciativa é tamén unha oportunidade para conmemorar este 18 de maio, o Día Mundial dos Museos, cunha Compostela convertida nun museo vivente de arte.

Detectado un erro na listaxe de establecementos comerciais o número 2 pertence a Matrioska

Documentos relacionados

Traballos artísticos

Entradas relacionadas