Este Nadal, volven os agasallos da ruleta Eu Merco Aquí do comercio local de Santiago

Mercado de Nadal portada web

Como xa é tradición do Nadal en Compostela, o comercio local súmase ás celebracións das festas repartindo agasallos. A ruleta Eu Merco Aquí – Compostela a Estrela do Nadal volve con dúas novas datas:

  • sábado 13 de decembro na Praza Roxa, a partir das 17h.
  • sábado 3 de xaneiro na carpa da Alameda en Xogo, tamén ás 17h.

Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten os seus tickets do comercio de proximidade de Santiago. Para seren válidos, deberán ser dun importe superior a 5€ e de compras realizadas entre o 7 e 13 de decembro, na ruleta do 13/12; e entre o 28 de decembro e o 3 de xaneiro, na do 3/01.

Cada ticket dará opción a unha tirada da ruleta para intentar conseguir un agasallo. Cun límite de 2 tickets por establecemento e participante e de 3 premios por persoa.

O Mercado de Nadal

Ademais de coa ruleta de agasallos, o comercio local participa nos festexos co tradicional Mercado de Nadal, en Carreira do Conde e, a partir do 20 de decembro, tamén en Área Central.

Cada semana irán rotando distintos establecementos, ofrecendo produtos artesanais, xoiería, adornos de nadal, alimentación, xoguetes…

Estará aberto ata o 5 de xaneiro, en horario de luns a domingo de 12 a 14h e de 16:30 a 21h.

  • Horario especial o 24 e 31 de decembro: só en quenda de mañá, de 12 a 14h.
  • Pechado o 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Tamén no Mercado, as fin de semanas celébranse diferentes obradoiros infantís relacionados co Nadal nos que a cativada deixará saír o seu lado máis creativo.  

Praza Roxa e Alameda

Desde o 5 de decembro xa se pode gozar do ambiente máis festeiro con Máis Nadal na Praza Roxa, con concertos, obradoiros, espectáculos, cinema, monicreques e moito máis.

Pola súa banda, a partir do 19 de decembro, volve o espazo de lecer Alameda en Xogo. Destinado a todos os públicos, inclúe a pista de xeo ecolóxica e máis distintos xogos.

 

Enlaces relacionados

Entradas relacionadas