A Xornada da Industria no Biopolo da Sionlla pecha a edición máis innovadora da Maker Faire Galicia

Departamento de comercio2

13/12/2024

O Biopolo da Sionlla acolleu hoxe a Xornada da Industria da Maker Faire Galicia, a terceira e última sesión desta décima edición da feira. Na inauguración participou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, que apelou ao “espírito maker, que ten a cooperación como un dos seus principios básicos, para avanzar na diversificación económica de Santiago”.

A tenenta de alcaldesa lembrou que o Biopolo da Sionlla, o espazo onde se celebrou a Xornada da Industria da Maker Faire, “é o resultado da colaboración iniciada hai máis dunha década entre as diferentes administracións co empeño, sobre todo, da Asociación Empresarial do Polígono do Tambre”. María Rozas avogou por darlle continuidade a esta cooperación “no reto compartido de incrementar o peso da industria no PIB de Santiago, que cun 7% está ainda moi por debaixo doutras cidades galegas”. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude reiterou que “potencial e talento temos para seguir avanzando nesa dirección, tal e como demostran as ponencias da xornada de hoxe”.


Na inauguración da Xornada da Industria da Maker Faire Galicia participaron tamén José Fernández Alborés, presidente do consello de administración de Sionlla Biotech; Covadonga Toca, directora Xeral do IGAPE; e Marcos Saavedra, cofundador da Maker Faire Galicia.
Na xornada participaron importantes relatores como Eduardo Fernández, director do Instituto de Bioenxeñería da Universidade Miguel Hernández; Yaiza Rubio, Chief Metaverso Officer en Telefónica; a compostelá Mónica Bello, directora de Arts at CERN; e Adrián Mosquera Orgueira, hematólogo e investigador no Hospital Universitario de Santiago de Compostela e no IDIS. Ademais das ponencias, haberá presentacións curtas de startups e profesionais galegas do ámbito biotech.
 

Xornada da Industria: Innovación e talento global no corazón da Maker Faire Galicia

4/12/2024

O 13 de decembro, líderes mundiais debaten sobre a biotecnoloxía, o metaverso a intelixencia artificial e a fusión de arte e ciencia no X aniversario da Maker Faire Galicia. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participará no acto inaugural.

O Biopolo da Sionlla acollerá o próximo 13 de decembro a Xornada da Industria da X edición da Maker Faire Galicia, un evento único que reunirá expertos/as de referencia mundial para explorar como a tecnoloxía e a innovación están a transformar sectores clave como a saúde, a ciberseguridade, a arte e a industria.

A xornada, que dará comezo ás 10:00 horas cun café de benvida e visita aos stands, incluirá unha selección dos 10 mellores proxectos do Call for Makers 2024, procedentes de diferentes puntos de España, que estarán expostos ao longo de toda a xornada. O acto inaugural contará coa participación da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, representantes da Xunta de Galicia, do Biopolo da Sionlla e da propia organización da Maker Faire Galicia, destacando o papel fundamental das institucións e os ecosistemas locais no impulso á innovación.

Relatores/as destacados/as

Entre os grandes nomes que participarán nesta xornada destaca:

Eduardo Fernández, director do Instituto de Bioenxeñería da Universidade Miguel Hernández  e director do grupo de Neuroingeniería Biomédica del Centro de Investigación Biomédica en Red de Bioingeniería, Biomateriales y Nanomedicina (CIBER-BBN), é un referente mundial no campo da bioenxeñaría. O seu traballo céntrase no desenvolvemento de neuropróteses visuais e na mellora da biocompatibilidade de implantes neurais, explorando a conexión directa entre o cerebro e sistemas artificiais. Ademais, recentemente liderou o Congreso Internacional The Brain and The Chip 2024 en Elche, onde compartiu colaboración e espazo con líderes mundiais como Daniel L. Adams, de Neuralink, para explorar os límites da neurotecnoloxía na restauración de funcións sensoriais e motoras perdidas, consolidando o seu papel como pioneiro neste ámbito.

Yaiza Rubio, Chief Metaverso Officer en Telefónica, quen ofrecerá unha visión pioneira sobre o impacto do metaverso e a ciberseguridade no futuro dixital. Rubio, coñecida como a primeira hacker española en participar nos prestixiosos eventos DEF CON e Black Hat Briefings, actualmente lidera proxectos como “Network Tokenization”.

A compostelá Mónica Bello, directora de Arts at CERN, recentemente galardoada nos prestixiosos premios S+T+ARTS da UE polo seu programa de residencias que conecta arte e ciencia. Bello compartirá como estas dúas disciplinas poden inspirar novas formas de comprender e transformar a sociedade.

Adrián Mosquera Orgueira, hematólogo e investigador no Hospital Universitario de Santiago de Compostela e no IDIS, lidera o Grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica (GrHeCo-Xen). Adrián combina a súa práctica clínica co desenvolvemento de proxectos de intelixencia artificial para personalizar tratamentos oncohematolóxicos, mellorar o diagnóstico e descubrir novos fármacos mediante algoritmos avanzados e modelos de aprendizaxe profunda.

Ademais dos relatorios, de 14:45 a 15:45 haberá presentacións curtas onde startups e profesionais galegos/as do ámbito biotech presentarán os seus proxectos máis innovadores, destacando o talento da nosa terra.

A xornada tamén incluirá un pitch de proxectos finalistas, un xantar de networking e rematará coa entrega de premios, recoñecendo as mellores iniciativas desta edición.

Acceso de balde e prazas limitadas

A asistencia ao evento é totalmente gratuíta, con prazas limitadas a 120 asistentes. Inscrición dispoñible en: Formulario de inscrición

Este evento conta co apoio do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia a través do IGAPE, e do Biopolo da Sionlla, e é organizado de forma independente baixo licenza de Make Community LLC.

Abre as súas portas o Espazo Maker Compostela

06/07/2024

🤖 Hoxe comeza a súa andaina o Espazo Maker Compostela, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica na Casa das Asociacións de Cornes.

🗣️ María Rozas: “Queremos fomentar a creatividade entre a veciñanza e a súa participación en actividades tecnolóxicas e creativas”.

🔩O Espazo Maker estará aberto os venres pola tarde e os sábados todo o día. Haberá obradoiros e actividades estables para persoas maiores de 16 anos, e a oferta irase deseñando de acordo coa comunidade maker.

Imaxes da xornada de apertura

03/07/2024 Santiago contará a partir do próximo venres cun espazo permanente e con actividades estables para promocionar a cultura maker. Trátase do Espazo Maker Compostela, que estará ubicado na Casa das Asociacións de Cornes, e que ofrecerá diferentes actividades e obradoiros nas tardes dos venres e os sábados todo o día. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe este novo servizo “que está destinado a impulsar a creatividade entre a veciñanza, e a fomentar a súa participación en actividades tecnolóxicas e creativas”.María Rozas explicou que o Espazo Maker Compostela “é unha aposta da Concellaría de Promoción Económica por ir un paso máis alá, despois do éxito doutras iniciativas que se puxeron en marcha nos últimos anos como a Academia Maker que funcionou de maneira itinerante pola rede de Centros Socioculturais, ou o laboratorio dixital móbil que percorreu a cidade durante varias semanas o ano pasado”. Estas accións estaban enmarcadas no programa de dinamización económica Faino Ti, financiado con fondos europeos da EDUSI. A concelleira apuntou que o equipamento informático e tecnolóxico utilizado nesas iniciativas pasou a ser propiedade do Concello, “e serve agora de base para este espazo permanente, que será un punto de encontro para profesionais, persoas emprendedoras e cidadanía en xeral, interesada na tecnoloxía e a innovación”. María Rozas salientou que estas actividades “encaixan nos obxectivos da Axenda Urbana 2030 no que tén que ver coa promoción da innovación, a sostenibilidade e a participación cidadá”.

Xornadas de portas abertas e obradoiros

O Espazo Maker Compostela botará a andar o venres, cunha xornada de portas abertas a partir das 17.30 horas, na que tamén haberá unha charla-taller con Enrique Saavedra e Marcos Saavedra, cofundadores da Maker Faire Galicia, da primeira Asociación de Makers de Compostela, Recuncho Maker, e da academia de makers VermisLAB. Marcos Saavedra mostrou a súa satisfacción pola apertura deste espazo “que ten ademais a potencialidade de que será a comunidade maker a que decida como funciona e que actividades se programan”.

Tras a apertura do venres, o Espazo Maker Compostela funcionará de xeito habitual os venres, en horario de 16:00 a 20:00 horas; e os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Para o mes de xullo están previstos obradoiros de deseño e impresión 3D, realidade virtual e corte láser, a cargo da empresa We Robots e dirixidos a persoas maiores de 16 anos. O seu representante, Vicente Calvo, mostrou o seu convencemento de que “este espazo será un éxito, porque afonda na metodoloxía que levamos poñendo en práctica oito anos para achegar coñecementos relacionados coa electrónica, a programación ou o deseño 3D desde a metodoloxía maker”.

Direccións relacionadas

Imaxe da rolda de prensa

Entradas relacionadas