O Concello de Santiago colabora con Ourives de Compostela na restauración de 40 pezas antigas no marco do Plan Estratéxico da Ourivería de Santiago

Departamento de comercio2

07/05/2025 Ourives de Compostela está a traballar na restauración de pezas antigas como acción enmarcada no convenio de colaboración co Concello de Santiago, que conta cunha achega de máis de 20.000€ por parte do departamento de Comercio do devandito consistorio.

Nesta primeira fase do programa de rehabilitación, que conta ademais coa colaboración da Deputación da Coruña e do Arcebispado de Santiago, estanse a recuperar 40 obras procedentes de 9 concellos da provincia da Coruña.

Na rolda de prensa para mostrar algunhas destas obras recuperadas, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, felicitou aos ourives e prateiros polo traballo que desenvolven e reivindicou o compromiso do Goberno local “cun oficio que é parte da identidade de Compostela, e para o que queremos garantir o relevo xeracional”.

Así mesmo, María Rozas mostrou a súa ledicia pola presentación das obras, entre as que se atopaban o báculo co que a cidade de Santiago agasallou ao cardeal Marín de Herrera  no ano 1914 ou as cruces procesionais de San Estevo de Cobas (S. XVIII), Santiago de Betanzos (S.XVIII) ou San Lourenzo de Irixoa (1808). “Demostramos que o Plan Estratéxico da Ourivería segue pasando do papel aos feitos, grazas sobre todo á implicación da asociación Ourives de Compostela que segue contaxiando o seu entusiasmo con este proxecto ás diferentes administracións” explicaba.

Dentro do Plan Estratéxico da Ourivería de Santiago tamén se están a desenvolver un programa de control da autenticidade do acibeche, en colaboración co iMATUS, o Instituto de Materiais da USC.

Entradas relacionadas