Volve a Festa do Banquete de Conxo coincidindo co centenario da súa anexión ao Concello de Santiago

Portada web Banquete de Conxo 25

06/05/2025 Os vindeiros 23, 24 e 25 de maio volve unha nova edición do Banquete de Conxo. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, compareceron en rolda de prensa para a presentación do programa de actividades desta VI edición.

A alcaldesa confirmou que as parroquias convidadas deste ano serán a de Figueiras e Aríns, con pregón a cargo de representantes de ámbalas dúas. Non é casualidade que as seleccionadas fixeran parte do antigo concello de Conxo pois, neste ano que se celebra a súa anexión ao de Santiago, o obxectivo é “xustamente honrar a historia de Conxo, concretamente a composición parroquial do antigo Concello de Conxo”, explica Sanmartín. “Levamos por bandeira que Compostela non sería a mesma sen os seus barrios, que a personalidade do noso Concello é a suma da personalidade diferenciada de todos e cada un dos seus barrios e das súas parroquias. E neste 2025 é unha ocasión de excepción para celebrar e evidenciar que nin Compostela sería a mesma sen Conxo, nin Conxo sería o mesmo sen Compostela”, completa a alcaldesa.

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa foi a encargada de dar un adianto das actividades que se celebrarán no marco da Festa do Banquete de Conxo, facendo especial mención á participación dos diferentes departamentos municipais e da veciñanza. Con respecto a esta última, María Rozas salientaba que “é precisamente a que lle dá a súa singularidade á Festa do Banquete, e a que proporciona un ambiente especial grazas a que cada vez son máis as persoas que se suman á festa perfectamente ataviadas para a ocasión”.  

VI Mercado do Libro

O venres 23 de maio comezan as celebracións cun programa de Cantos de Taberna polo barrio de Conxo.

Un ano máis, o Banquete acollerá unha nova edición do mercado do libro, os días 24 e 25 de maio na praza de Aurelio Aguirre. En torno a unha vintena de editoriais e librarías darán mostra dos seus produtos.

Ao igual que na pasada edición, tamén haberá mercado de artesanía e mostra de oficios, xunto con diversas actividades de dinamización, espectáculos para o público familiar e xogos tradicionais, e sesión vermú coa participación das bandas que ensaian no Centro Xove.

O día grande da festa, o domingo 25, protagonizará a xornada o desfile teatralizado cos Quinquilláns e o xantar de confraternidade no que, tal e como salientou María Rozas, “volveremos recordar ese acto revolucionario que foi o xantar e os brindes do Banquete de Conxo, do que se cumpren 169 anos”. Completan a programación diversas actividades como actuacións de maxia e xogos infantís para a rapazada e diversas propostas musicais.

Cen anos da anexión ao Concello de Santiago

Esta non é a única festividade que protagonizará Conxo durante o mes de maio. Debido ao centenario da súa incorporación ao Concello de Santiago, o día 15 celebrarase un acto conmemorativo deste fito histórico.

A actual corporación municipal sairá en comitiva desde o Pazo de Raxoi cara a Conxo. Ás 19.30h terá lugar un pleno extraordinario nun dos edificios máis emblemáticos de Conxo, no hospital psiquiátrico, con intervención de portavoces municipais, unha representación veciñal, e da alcaldesa. Finalizarase a xornada conmemorativa cun concerto  da Banda Municipal e un petisco de convivio.

Programa da VI Festa do Banquete de Conxo

Entradas relacionadas