21/12/2023 A Xunta de Goberno acaba de aprobar as bases da convocatoria do concurso de escaparatismo de Nadal, cuxo prazo de inscrición abrirá nos vindeiros días e estenderase ata o 2 de xaneiro. O obxectivo desta iniciativa é animar aos establecementos da cidade a potenciar a atracción da clientela e aumentar o consumo no comercio local durante as Festas do Nadal. En total, o xurado concederá premios aos seis escaparates mellor decorados, con contías económicas de 2.000, 1.500, 1.200, 1.000, 750 e 500 euros, respectivamente.
O Concello de Santiago lanza un ano máis o concurso de escaparates de Nadal, co obxecto de promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates contribuíndo así ao incremento do consumo no comercio local nas ventas desta época tan importante para o sector.
A temática que deben desenvolver será o Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación e estilo. O xurado valorará os escaparates participantes no seu conxunto, pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, calidade, composición, deseño, orixinalidade e o emprego de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.
Inscrición
O prazo de presentación a concurso abrirase ao día seguinte da publicación oficial das bases no BOP e estenderase ata o 2 de xaneiro.
Os establecementos interesados deberán presentar obrigatoriamente a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos, a través do formulario correspondente. A solicitude debe presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) a través o trámite “Solicitude de subvención” dentro do catálogo de trámites dispoñible.
Os participantes deberán enviar, antes do 2 de xaneiro, dúas fotografías do escaparate ao correo:
comercio@santiagodecompostela.gal