14/05/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa, María Rozas, presentaron esta mañá no Pazo de Raxoi o programa completo de actividades da quinta edición da Festa do Banquete. O día grande da Festa será o domingo 26 de maio, cos desfiles teatralizados, o pregón e a posterior romaría popular na carballeira que estará amenizada por distintas actuacións musicais. Ambas responsables políticas fixeron un chamamento á participación de toda a veciñanza tanto na festa do domingo como no amplo abanico de actividades que ofrece o programa.A xornada central da V Festa do Banquete de Conxo será o domingo 26 de maio, que arrancará co desfile “Alá van estudantes e artesáns” que, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela ata chegar á praza de Conxo. A continuación a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo, na que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional “Serán da Fraternidade” con xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.
“Será unha festa da fraternidade, da liberdade e da igualdade; uns valores que simbolizan aquel acto histórico do Banquete de Conxo, que reuniu no século XIX estudantes e artesáns na antiga Carballeira de Conxo”, sinalou a rexedora que animou a toda veciñanza a acompañar o desfile e “traer comida para partillar nesta romaría, na que tamén haberá unha polbeira para quen queira comprar alí, e a participar nesta festa con obradoiros, música, teatro e fotografía para facer comunidade como evoca aquel acontecemento de 1856”.
Ademais, a alcaldesa destacou a implicación da parroquia de Marrozos por primeira vez nas Festas que se materializará na lectura do pregón inaugural por parte de María Luísa Otero, na participación da Asociación Pena Maior nun obradoiro de baile tradicional e nos percorridos do Tren do Banquete. “Marrozos tamén estará presente no desfile teatralizado do domingo, así como no Serán da Fraternidade que encherá a Carballeira despois do xantar popular”, detallou a alcaldesa.
Tanto Sanmartín como Rozas agradeceron as achegas de todas as asociacións veciñais e culturais implicadas na organización das Festas e o traballo levado a cabo polos diferentes departamentos municipais nesta aposta do Concello pola transversalidade.
Cultura e deporte
Goretti Sanmartín adiantou algunhas das actividades do programa. Así, o venres 24 de maio a partir das 17:30 horas terá lugar ‘As voces do Bosque’, un percorrido literario pola histórica carballeira de Conxo guiado polo editor e escritor Quique Alvarellos onde se lembrará as autoras/es que escribiron sobre o bosque ou no bosque, desde o século XII ata o XX. O punto saída será diante da Igrexa de Conxo. Cómpre inscribirse en rutabanquete@santiagodecompostela.gal
A partir das 18:30 h, a praza de Conxo acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido pola Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos, dirixido a todas aquelas persoas que queiran adquirir competencias básicas no achegamento á danza tradicional galega, acompañando con música en directo por parte de pandereteiras, onde se aprenderán puntos para a danza de ritmos tan populares como a jota ou a muiñeira. Trátase dunha actividade aberta ao público en xeral sen inscrición previa.
O sábado 25 de maio ás 11.00 horas terá lugar a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, unha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis e a posibilidade de realizar a proba de xeito individual ou grupal, favorecendo a participación de familias. A carreira transcorrerá polos terreos do propio bosque do Banquete. Esta actividade é de balde previa inscrición a través de xestanatureza.com.
Día grande das Festas
Xa o propio domingo 26 de maio a partir das 11:00h arrancará desde a praza do Toural o desfile teatral “Alá van estudantes e artesás” que percorrerá as rúas compostelás ata chegar a Conxo. Está dirixido Os Quinquilláns e tamén participan as Brigadas Teatrais de Catoira, As Superactivas do CSC de Santa Marta, Teatro do Muíño (Laraño), Teatro do Solpor (Vite), Clube Mozo e veciñanza activa do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, Teatro Mediogüevo, Asociación Aspas, Mercedes Espiño, Música de rúa Os farrapos, Coro A oliveira, Grupo de teatro da Casa da Muller do Couto. O acompañamento musical farao Luís “O Caruncho”.
Ás 12:45 h será o pregón da Festa do Banquete a cargo de María Luísa López Otero, autora da tese “Santa María de Marrozos no século XVI: labradores e arrendatarios” na praza de Conxo. Ao remate, sobre as 13:00 horas, continuará o desfile teatral “Baixamos ao bosque do Banquete” ata a Carballeira de Conxo para facer a recreación teatral do Banquete de 1856 desde as 14:15 horas. A alcaldesa tamén animou a todas as persoas participantes a facer uso do Fotocol que estará situado no Mosaico de Conxo entre as 14 e as 19 horas.
A partir das 15:00 h dará comezo o xantar e romaría popular, con brindes de veciñas e veciños na propia carballeira de Conxo, para dar paso ao Serán da Fraternidade, con foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Contedores de Recandea, Muiñeiros do Sarela e Asociación Penamaior de Marrozos. A compañía Paporrubio tamén ofrecerá o espectáculo “Transhumancia Sonora” da compañía Paporrubio que levará ao bosque do Banquete os seus animais cabezudos, acompañados de música e xogos.
Para rematar o evento, arredor das 19:30h haberá unha despedida da Festa do Banquete 2024 con discursos de Os Quinquilláns e pregón de peche a cargo da cineasta Jaione Camborda.
Mercado do Libro
O quinta edición deste popular mercado terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 na praza Aurelio Aguirre. “Este ano contaremos coa participación de 16 postos, son 5 máis que o ano pasado, de maneira que esta cita vaise consolidando no calendario de libreiros, editoriais e mesmo ilustradoras vinculadas ao libro”, explicou María Rozas. Ademais, o mercado do libro complementarase cunha pequena mostra de oficios tradicionais, desta vez con postos de forxa, cerámica e cestería.
A tenenta de alcaldesa tamén presentou varias actividades que se levarán a cabo de xeito paralelo ao mercado na tarde do sábado 25: unha mesa redonda sobre “Libros, mente e saúde” no claustro do Hospital Psiquiátrico, conducido pola psicóloga clínica Rosa Cerqueiro, que contará coa participación de Xurxo Alonso, Antía Yáñez e Montse Fajardo, que teñen editado traballos literarios relacionados coa saúde mental. A partir das 18.30 horas, haberá a actuación da compañía N+1 de circo, teatro e danza para o público infantil na praza central de Conxo, e xa a partir das 21 horas a Festa da Poesía na praza Aurelio Aguirre, que será conducida por Lorena Conde e contará coa participación musical de Filloas, Ash Diz e C Mirazo. A poesía porána Sara Porto Puente, Diana Kurich, Branca Trigo e Marta Dacosta.
O domingo 26 celebrarase unha gran chocolatada na praza Aurelia Aguirre e un concerto do Sonoro Maxín que servirá de peche do Mercado do Libro.
Outras propostas musicais
No venres 24, o protagonismo será para os Cantos de Taberna, en colaboración cos Muiñeiros do Sarela. Primeiro, a partir das 19.30 horas, no propio CSC Aurelio Aguirre, para despois iniciar, a partir das 21:00, un percorrido de “cantos de taberna” polos bares do barrio, no que participarán 8 grupos: Esfolladores, Colexiata de Sar, Muiñeiros do Sarela, Devagariño, Sapamamas, Son da illa, Cantamadeira e Cantador@s de recandea.
A praza Aurelio Aguirre tamén acollerá o sábado 25 a partir das 13 horas unha Sesión vermú amenizada polo grupo local Boa Sunet. Pola tarde, a partir das 19 horas terá lugar de “Canto Fraterno” na escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo que contará co Coro do propio Psiquiátrico, o Coro de Santa Susana, o Coro de Habaneras da Rocha Forte, o Coro Crecente de Voces Graves, o Coro Amigos do Castiñeiriño, o Grupo Penamaior de Marrozos e o Orfeón Tradicional da Colexiata de Sar, nunha sesión que estará conducida por Manuel Abraldes, director do Coro Encaixe.
Banquete de Conxo, espazo natural
María Rozas tamén presentou unha serie de propostas “pensadas para gozar tamén do contorna” como “unha Scape Room que aproveita a riqueza natural que nos ofrece o Bosque do Banquete e que tén como obxectivo coñecer mellor tanto o propio espazo como a súa historia”. A actividade vaise desenvolver no venres 24 de maio, a partir das 7 da tarde, con grupos dun máximo de 10 persoas por quenda. Será un xogo con diferentes probas aptas para toda a familia, desde os 7 anos. Para participar é preciso inscribirse, desde mañá 15 de maio ata o día 22, no CSC de Conxo.
O programa tamén ofrece un taller de observación de aves, que partirá da lagoa de Cornes ás 9:30 horas; e outro de “baños de bosque”, dirixido pola coach Merche Palomino, e que comezará ás 10.00 na contorna do Carballo de Conxo. Tamén no sábado, a partir das 11.00, haberá unha ruta dos muíños dirixida por Patricia Fernández, directora do proxecto de restauración do río Sar, que inclúe unha visita e exhibición do funcionamento do muíño de Mourullo, en Sar.
I Certame fotográfico
A tenenta de alcaldesa tamén anunciou a celebración da primeira edición do certame fotográfico do Banquete de Conxo, no que poderá participar calquera persoa maior de 18 anos. “É unha iniciativa que pretende fomentar a creatividade, e poñer en valor a propia Festa do Banquete a través da fotografía”. Para isto, a xente poderá presentar as súas mellores fotografías vinculadas á celebración desde o 27 ata o 31 de maio. “As imaxes gañadoras recibirán diferentes agasallos, como unha cámara de acción deportiva, unha cámara instantánea ou libros de fotografía”, adiantou María Rozas.