A primeira campaña dos Bonos Corazón celebrada este ano pecha cuns resultados moi positivos. Durante o mes de vixencia da mesma, empregáronse un total de 15.000 bonos, que deixaron no comercio e na hostalería de Santiago un total de 984.232,96 euros: 744.840,61€ dos propios bonos, dos cales o Concello achegou 300.000€.
O programa tamén tivo un grande respaldo por parte dos negocios composteláns, adheríndose ao mesmo un total de 571 establecementos. En canto aos resultados por sector, o comercio local foi beneficiario de 13.167 bonos, cun total de 924.584,54€ en vendas. Pola súa banda, os restantes 1.638 bonos trocáronse nos establecementos hostaleiros, cunhas vendas de 59.648,42€.
Como novidade, este ano o importe que o Concello destina ao programa Bonos Corazón, un total de 600.000€, dividirase en dúas campañas para dar impulso ás vendas durante as dúas épocas do ano no que se aprecia un descenso destas.
No mes de outubro, porase en marcha unha nova edición, dotada cos restantes 300.000€ do presuposto total da campaña.