A Xunta de Goberno aproba as bases dos bonos “Corazón Compostela Praza de Abastos”

Imaxe da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou as bases da concesión de axudas, do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería da Praza de Abastos a través dos bonos “Corazón Compostela Praza de Abastos”.

Tamén se deu o visto bo á aprobacion do gasto por importe de 30.000 euros e á apertura do prazo de adhesión para os establecementos interesados, que se abrirá o mesmo día da súa publicación no BOP da Coruña, e materase aberto, para o seu gasto, ata o 31 de agosto de 2022.

Estes bonos, consensuados coa nova xunta directiva do Mercado de Abastos, emitiranse por un valor de 75.000 euros; dos cales o Concello de Santiago aportará 30.000 euros. A súa finalidade é incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentar o consumo no comercio e hostalería integrado na Praza de Abastos.

A maiores, o programa tamén ten, entre os seus obxectivos, propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista e hostaleiro da Praza de Abastos, dinamizar a actividade económica promovendo as compras de bens e servizos, mellorar o fondo de manobra do comercio e a hostalería e reducir o impacto económico derivado da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Establécense tres modalidades de bonos, todos con IVE engadido: de 75, 50 e 30 euros. Igual que os anteriores, os bonos “Corazón Compostela” e os “Bonos Corazón Concheiros-San Pedro”, estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.

Terá a consideración de bono desconto para as compras e consumos realizados nos establecementos adheridos. O seu importe irase reducindo, ata o seu esgotamento, podendo imputarse a un ou varios actos de compra ou consumo. A entidade colaboradora é Abanca. Precisamente, nesta Xunta de Goberno, deuse conta da sinatura do convenio.

Os establecementos que desexen adherirse ao programa bonos “Corazón
Compostela Praza de Abastos” deberán rexistrarse a través da web
https://www.bonoscorazoncompostela.gal e indicar a información que se lle requira. Poderán adherirse ao programa os establecementos comerciais retallistas e hostaleiros que teñan a súa sede de actividade na Praza de Abastos de Santiago de Compostela e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade. Os comerciantes e hostaleiros adheridos recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.

En canto as persoas usuarias, tamén poderán descargar os bonos na mesma web, indicando a información requirida. Coa presentación da solicitude os usuarios asumen o compromiso de trocar
como mínimo o 60% do valor do bono, que se corresponde coa parte financiada polo usuario, é dicir, de achega propia.

A entidade colaboradora validará que a solicitude se realice consonte os requisitos e da forma establecida nesta convocatoria. Tras dita validación, e verificada a achega do cofinanciamento por parte da persoa solicitante, esta estará habilitada para a descarga do bono correspondente. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.

É a terceira vez que o concello de Santiago emite uns bonos de dinamizacion comercial destas características. Os anteriores foron os Bonos Corazón Concheiros, tamén por 75.000 euros (30.000 aportados polo Concello), e estiveron operativos para a clientela dos comercios e os locais de restauración da zona de Concheiros-San Pedro, entre o 11 de marzo e o 31 de maio de 2022. Os primeiros que se puxeron en marcha foron os Bonos Corazón Compostela, en setembro de 2021. En total, repartíronse máis de 20.000 bonos a través dun programa que mobilizou 1,5 millóns de euros, dos que o Concello de Santiago achegou 600.000 euros.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou adxudicar o contrato denominado “Obras do proxecto de iluminación de Figueiras á empresa “Montaxes eléctricas Noroeste SL”, por un importe de 47.617,13 euros, IVE engadido.

Descargas

Entradas relacionadas