Na segunda quincena de xuño comezarán a funcionar os Bonos Corazón Praza de Abastos

Reunión Directiva co Alcalde Bonos Corazón Praza de Abastos

A mediados deste mes de xuño comezarán a funcionar os Bonos Corazón Praza de Abastos. Está previsto que na segunda quincena de xuño se abra o o prazo de inscrición dos praceiros. A continuación, uns días despois, xa se poderán descargar os bonos, que teñen como obxectivo dinamizar e incentivar as compras no recinto, e que serán válidos ata o 31 de agosto. Foi un dos temas tratados na xuntanza que esta mañá mantivo o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, coa nova Xunta directiva da Cooperativa do Mercado de Abastos.

Directiva Praza de Abastos co Alcalde
A directiva da Praza de Abastos co alcalde.

Segundo informou Sánchez Bugallo, emitiranse Bonos Corazón Praza de Abastos por valor de 75.000 euros, dos cales o Concello de Santiago aportará 30.000. En setembro, avanzou o alcalde, está prevista unha nova convocatoria de bonos para a toda a cidade, “dos que tamén poderán participar”.

No encontro, os praceiros transmitíronlle ao rexedor que os bonos de aparcamento, subvencionados polo Concello de Santiago, estaban “funcionando moi ben”. Tamén aprobaron o funcionamento do aparcamento ORA, nas inmediacións do Mercado de Abastos, na zona de Mazarelos, e o sistema de rotación.

Outros asuntos tratados na reunión foron a contratación dun estudo de mercado solicitado pola Xunta directiva anterior, que tería un custe duns 30.000 euros, e que sairá a licitación próximamente. E as obras que é necesario executar na Praza de Abastos, segundo un informe de avaliación do edificio, encargado a unha arquitecta, por un importe de 566.000 euros. Está previsto que próximamente se saquen a licitación, primeiro a redacción do proxecto e despois a execución das actuacións.

Entradas relacionadas