O Concello lanza a campaña “Con B de Barrio” para dinamizar o pequeno comercio e fomentar o asociacionismo

Imaxe promocional da campaña

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe unha nova iniciativa para a dinamización do pequeno comercio que se desenvolve dende o Departamento de Comercio.

Presentación da convocatoria

O Concello promove Con B de Barrio, un proxecto que busca apoiar, dinamizar e estimular o pequeno comercio de barrio que, “como sabedes, é unha das nosas prioridades como Goberno local, a potenciación do mercado de proximidade e do pequeno comercio fronte ás grandes superficies”, tal e como destacou Marta Lois.

A concelleira explicou tamén que “esta convocatoria xorde co fin de fomentar proxectos de dinamización comercial nos que prime a cooperación entre establecementos comerciais da mesma ou de diferente actividade e así favorecer o asociacionismo, crear sinerxías e redes colaborativas de negocio, buscando beneficios compartidos derivados da confluencia de intereses”.

Para acadar uns resultados acordes á visión anterior, proponse escoitar, recoller, transformar e canalizar as situacións problemáticas do comercio de barrio, traballando na súa supervivencia e mellora. A partir das necesidades concretas de quince comercios beneficiarios, crearanse 15 proxectos de dinamización comercial nos cales cada comercio será o centro ou nodo.

Prestarase, polo tanto, un servizo de consultoría aberta para o pequeno comercio de barrio mediante o cal un asesor ou asesora guiará cada establecemento beneficiario para mellorar a capacidade de captación e fidelización de clientes mediante estratexias comerciais e de mercadotecnia. O labor de consultoría implicará escoitar as necesidades dos comercios beneficiarios, diagnosticar a súa situación, deseñar estratexias comerciais e de mercadotecnia efectivas e crear estratexias de colaboración entre establecementos con intereses compatibles.

A duración do servizo de consultoría será dende a aprobación dos comercios beneficiarios ata o 16 de decembro de 2016.

Funcionamento dos proxectos

Imaxe promocional da campaña

O asesoramento será presencial, telefónico e en liña. Existirá unha atención personalizada presencial de 35 horas nas dependencias de cada comercio beneficiario. O horario de reunións fixarase conxuntamente co comercio. Complementariamente haberá unha atención e disposición en liña e telefónica para consultas. Poderán participar todos os establecementos comerciais de Santiago, aínda que o número de beneficiarios directos das asistencias gratuítas será de 15, creándose polo tanto 15 proxectos

Se o proxecto premiado é colectivo, permitirase un número máximo de dúas persoas nas sesións de consultoría, das cales sempre será obrigada a presenza da promotora principal.

O prazo para presentar as correspondentes candidaturas rematará ás 14:00 horas do día 30 de xuño. Este prazo poderá prorrogarse en caso de que o número de candidaturas admitidas sexa inferior a quince

A inscrición realizarase mediante o envío en liña do formulario dispoñible na web do Departamento de Comercio. Á hora de formalizar a inscrición deberase indicar no campo “observacións” unha breve descrición da actividade que desenvolve.

Criterios e proceso de selección

As candidaturas presentadas valoraranse atendendo á orde temporal de inscrición, aos comercios con superficie de venda inferior a 150 metros cadrados e aos comercios localizados en áreas xeográficas onde non exista asociación de comerciantes representativa.

Ligazóns

Descargas

Entradas relacionadas