08/11/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude mantivo hoxe unha xuntanza con representantes das asociacións de hostalería de Santiago para analizar a nova convocatoria dos Bonos Corazón. María Rozas agradeceu a boa receptividade das entidades e trasladoulles as bases, que tamén foron xa postas en común coas asociacións de comerciantes.
Na reunión celebrada esta mañá participaron representantes de Hostelería Compostela e de Hostalaria.gal. A concelleira de Promoción Económica explicou que a intención do Goberno é que os Bonos Corazón estean dispoñibles a mediados deste mes e se poidan consumir ata o 22 de decembro. María Rozas escoitou as demandas das entidades hostaleiras, e comprometeuse a avaliar aquelas que se poidan implementar nesta convocatoria, relacionadas fundamentalmente coa actualización dos aplicativos para mellorar a visibilidade dos establecementos que participan na convocatoria.
O Concello destina este ano 433.000 euros aos Bonos Corazón, unha cantidade que duplica as previsións iniciais do Goberno, posto que nos orzamentos prorrogados de 2023 só había unha partida de 200.000 euros para esta convocatoria. O obxectivo é mobilizar un millón de euros en compras no pequeno comercio e na hostalería. Os Bonos estarán operativos a mediados deste mes, e poderánse gastar ata o 22 de decembro.