Axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios

Axudas e subvencións comercio Santiago

Ficha da subvención

Denominación

Axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios

Convocatoria: Aberta

Data de publicación: 06/06/2024

Prazo entrega solicitudes: Inicio 07/06/2024 Fin 30/10/2024

información, ligazóns e consultas

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego Autónomo

San Lázaro, s/n

15708  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957729/ 981957590/ 981957725/ 981957728/ 981545612

Email: autonomos.emprego@xunta.gal

Bases da convocatoria

Extracto da convocatoria

Solicitude a través da Sede Electrónica

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 23 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios (código de procedemento TR353D).

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as axudas do Bono remuda para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional.

A finalidade desta orde é evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo de se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.

Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúase do requisito de inscrición na Bolsa de remuda os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A remuda, para ser subvencionable deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do Bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.

b) Que non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA e no IAE da persoa titular do negocio, e que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia deste. Para estes efectos, enténdese por mesma actividade a que que coincida polo menos a nivel de 2 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.

c) Que o negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia. (Poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos 12 polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios). Exceptúanse deste requisito os negocios que fosen obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

d) Que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no que, necesariamente, deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato. Para os efectos da concesión de axudas, abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no que figure, igualmente, o prezo total e o obxecto do devandito acordo.

No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que, necesariamente, deberá ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria.

O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.

e) Que se realice o cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente ou, de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.

f) As persoas beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.

2. A remuda que se subvenciona nesta orde ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte; polo tanto na persoa que traspasa o negocio se ten que dar algunha das seguintes circunstancias:

a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).

b) Ser declarada en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.

c) Ser herdeiras da/s persoa/s titulares do negocio, no caso de falecemento destas.

Lugar e prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de outubro de 2024.

Lugar: Sede electrónica da Xunta de Galicia, (código de procedemento TR353D)