A pista de xeo ponse en marcha na Alameda con prezos máis baixos que en anos anteriores

Martiño Noriega observa as evolucións sobre o xeo dos escolares do IES Rosalía de Castro

A tradicional pista de xeo do Nadal xa está aberta para o goce da veciñanza. Está situada no Paseo Central da Alameda e, nesta ocasión, a empresa encargada da súa montaxe e instalación é Oziona Soluciones de Entretenimiento.

Unha das principais novidades está no prezo, lixeiramente inferior ao de anos anteriores tanto na súa modalidade de entrada xeral como de entrada sen límite de tempo. Ademais, haberá bonos familiares a disposición dos usuarios e usuarias da pista e diversas xornadas de portas abertas onde se poderá patinar de xeito gratuíto. Serán o 14 e o 31 de decembro e tamén o 1, 11, 17, 18, 24, 25 e 31 de xaneiro.

O alcalde da cidade, Martiño Noriega, estivo esta mañá na pista de xeo co director da empresa, Luciano Fernández, e con Alberto González, un representante do Grupo Ferrero, a empresa encargada de patrocinar a pista, que pertence á rede Kinder Ice. Martiño Noriega estivo pendente tamén dos alumnos e alumnas do instituto Rosalía de Castro, que foron os primeiros en patinar sobre o xeo da pista compostelá. O rexedor destacou “a baixada de prezos deste ano, que achegan ao entretemento a un maior número de persoas con prezos máis populares” e lembrou “que durante o mes de decembro haberá dous días de portas abertas e sete días máis no mes de xaneiro”, que tamén estará aberta a pista.

A pista de xeo comeza ademais ás portas dunha fin de semana na que se porán en marcha outras actividades de Nadal, coma os mercados de Nadal e da Estrela, o Belén de San Fiz (que xa se pode visitar a partir de hoxe), o carrusel da praza do Obradoiro ou o Bosque Máxico. Tamén comezará o alumeado no casco histórico da cidade o domingo 13 de decembro.

Horarios

– De luns a xoves, de 9:00 a 14:00 horas (para centros escolares durante o calendario lectivo e de 11:00 a 14:00 horas fóra do horario lectivo) e, pola tarde, de 16:30 a 22:00 horas.
– Venres/sábados e véspera de festivo, de 11:00 a 2:00 horas.
– Domingos, de 11:00 a 22:00 horas.
– 24 de decembro, de 11:00 a 18:00 horas.
– 25 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas e de 19:00 a 23:00 horas.
– 31 de decembro, de 11:00 a 18:00 horas.
– 1 de xaneiro, de 19:00 a 23:00 horas.

Prezos

– Entrada con patíns: 7 euros.
– Entrada sen patíns: 4,5 euros.
– Entrada familiar (2 adultos + 1 neno/a menor de 13 anos): adulto 6 euros e neno/a 4 euros.
– Entrada sen límite de tempo (mañá/tarde): 9 euros.
– Guantes: 2 euros

Os escolares e grupos precisarán reservar a pista de xeo a través da dirección de correo electrónico comercial@oziona.com ou do teléfono 981 848 411.

Entradas relacionadas