O Concello de Santiago de Compostela recibiu o accésit ao Premio Nacional de Comercio Interior do ano 2015, que convoca anualmente o Ministerio de Economía e Competitividade para proxectos de revitalización comercial vinculados á rexeneración urbana.
O proxecto que se enviou a concurso e polo que se premia a Santiago está relacionado co elenco de actuacións vinculadas á dinamización comercial e a rexeneración urbana do barrio de San Pedro. Formaban parte do proxecto europeo Urbana Santiago Norte, dentro da área temática “Recuperación de corredores comerciais: Rúa San Pedro-Concheiros”. Estas medidas combináronse coa rexeneración urbanística da rúa, que contribuíu á dinamización do tecido comercial do barrio. Na elaboración do proxecto contemplouse tamén a realización de plans integrais de mellora do equipamento comercial, a mellora da accesibilidade global e actuacións sobre o mobiliario urbano.
O acto de entrega do premio celebrarase en Madrid, na sede do Ministerio de Economía e Competitividade, o vindeiro 27 de outubro.