13/05/2023 Mañá, domingo 14, será o día grande das festas cunha romaría popular na carballeira de Conxo, amenizada por distintas actuacións musicais. Toda a cidadanía está convidada a asistir aos desfiles e representacións teatrais do Banquete de Conxo e unirse á romaría popular traendo da casa a súa propia comida e bebida ou acudindo ás carpas das polbeiras que estarán instaladas na carballeira. Todas as persoas que o desexen poden vir vestidas para a ocasión ou alugar vestiario e complementos nun dos postos do mercado.Mañá será a xornada central da IV Festa do Banquete de Conxo e arrancará co desfile “Alá van estudantes e artesáns” que partirá ás 11:00 h da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns ata chegar á praza de Conxo, onde Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Perez Lemos se encargarán da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo, na que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.
Pola tarde celebrarase “O serán da Fraternidade”, unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais dos Fondaos do Pífaro, Grupo da A.C. Devagariño, Asociación de mulleres Recandea e Muiñeiros de Sarela, seguido polo pregón de despedida da Festa. Tamén haberá actividades para os máis cativos a cargo da Eira do Paporrubio.
4º Mercado do Libro
Os estudantes e artesáns tamén estarán presentes na festa, a través do mercado do libro e da mostra de oficios que se celebrará os días 13 e 14 de maio na praza Aurelio Aguirre. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 17 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.
O mercado tamén contará cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, orfebrería, coiro ou cerámica, entre outros.
Os asistentes tamén poderán achegarse ao posto de asesoramento e aluguer de complementos propios da vestimenta acaída do século XIX para estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos, crego…
O punto final á Festa o porá a Banda das Crechas que ofrecerán un concerto de peche a partir das 20:30 h na Praza de Conxo.
Tren do Banquete de Conxo
O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.
Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. Pódese consultar as horas de saída desde os dous puntos no programa.
Como Participar?
Se queres participar activamente podes sumarte como actor ou actriz ás distintas accións teatrais ou mesmo colaborar na propia organización e preparación da Festa do Banquete. Para calquera desas opcións podes poñerte en contacto co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
Tamén podes colaborar como persoa voluntaria na Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.
O domingo 14 de maio terá lugar o Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional, no que podes unirte co teu grupo de música ou baile. Ademais, podes vir vestido de época á Festa do Banquete. A organización conta co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego e tamén organiza obradoiros de deseño e vestiario para confección vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego…).
Cortes de tráfico
A rúa de Campo de Conxo quedará cortada ao tráfico dende as 11 h do sábado 13 ata as 23 h do domingo 14 (só accesible para bus urbano e Tren do Banquete).
O percorrido do desfile do domingo 14 será o seguinte: TOURAL (saída ás 11 h) -ALAMEDA – CARREIRA DO CONDE – PRAZA DE VIGO – CRUCEIRO DE CONXO -SÁNCHEZ FREIRE – PRAZA DE CONXO (chegada prevista ás 13:00 h).
É posible que nalgún momento deste percorrido se produzan cortes parciais de tráfico para favorecer o paso do desfile e as correspondentes paradas teatralizadas. A rúa Ramón Baltar tamén poderá sufrir cortes parciais para facilitar a baixada do desfile na mañá do domingo 14.
Pódense consultar todas as indicacións de acceso na sección de avisos.