14/07/2025 A vindeira semana conmemórase unha das celebracións máis destacadas de Galicia e, en particular, da cidade de Santiago. As festas do Apóstolo volven á capital galega cunha programación “diversa e descentralizada”: folclore, concertos, orquestas, os cabezudos, espectáculos de danza… E, como non, coa tradicional pirotecnia dos días 25 e 31 de xullo.
Comezan as celebracións o venres 18 de xullo co pregón a cargo da Blanca Millá, todo un referente para o deporte feminino e para Compostela. Na praza do Obradoiro a partir das 21:30 horas.
Como confirmaba a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, durante a presentación do programa; este reúne unha grande diversidade de actividades “ para todos os públicos; con concertazos como os de Biznaga o día do pregón, Youssou N’Dour, Sés e Baiuca no fin de festa, e clásicos como o desfile dos cabezudos, alboradas, o torneo da chave e o Día do Traxe”.
As celebracións encherán durante máis dunha semana distintos espazos da cidade: Galeras, Praza de San Martiño Pinario, Mazarelos, Alameda, Parque de Bonaval, A Quintana, o Obradoiro, Parque Eugenio Granell e varias localizacións do rural.
O tradicional espectáculo de pirotecnia – celebrado na Alameda, A Cidade da Cultura e o Parque Carlomagno a partir das 23:30 horas do 24 de xullo – dará a benvida ao Día do Apóstolo. E, durante o día grande da festa poderase gozar da comparsa de cabezudos, dos concertos de Kez Cuez (Parque de Galeras) e Maika Makovski (Quintana) e da Orquesta Galilea na Alameda.
As actividades prolongaranse ata o 31 de xullo, co espectáculo pirotécnico de fin de festa que se levará a cabo na Alameda.