27/10/2025 O edificio que alberga a Praza de Abastos de Santiago celebra o seu 80 aniversario. Por mor da ocasión, ponse en marcha a campaña 80 anos alimentando Compostela.
O acto central da mesma tivo lugar esta mañá no devandito edificio, coincidindo cos 80 anos da súa inauguración. Estiveron presentes a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Mercados, Xan Duro; membros da Corporación municipal; a xerente da Praza de Abastos, Marta Rey; e Joaquín Vaquero Ibáñez, neto do arquitecto do edificio, Joaquín Vaquero Palacios.
No evento, Xan Duro reivindicou “o papel da Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade, e como eixo central para o cumprimento do Pacto Alimentario de Milán, asinado tamén por Santiago, e co que as cidades nos comprometemos a impulsar sistemas agroalimentarios sostibles, inclusivos e diversificados, para asegurar unha alimentación saudable e accesible para todas as persoas”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que é “vida, porque latexa de maneira dinámica”; é “riqueza, forma parte do PIB da cidade, é lugar de traballo, é destino da produción dos sectores primarios, estratéxicos para o noso país”; e “é o futuro que queremos porque defende o comercio de proximidade, de km 0, porque aposta pola sostibilidade, polo produto de tempada e polo trato entre persoas”.
A campaña conta con outras actividades non só para conmemorar a Praza de Abastos senón tamén para promocionala como centro de alimentación de proximidade entre os distintos públicos. Por iso, en novembro e decembro organizaranse visitas á Praza para mozos e mozas, co obxectivo de acercar á mocidade este espazo tan importante para a cidade.
No marco da campaña, tamén se organiza unha exposición da Praza de Abastos con imaxes compiladas da mesma, doadas non só desde Galicia senón de lugares máis afastados como Alemaña ou Francia. Ata agora situada na Praza, a partir de mañá 28 de outubro, poderase gozar dela na Praza Roxa.
Completan a campaña outras accións como a entrega de distintos materiais á clientela ou a organización dunha xornada técnica desde o departamento de Mercados.









