O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu no salón vermello do Pazo de Raxoi o acto de entrega dos Premios ao Comercio Compostelán Temos un comercio de cine. Deportes Cibeira, Susi Gesto Ourive, Xearte Brigitte, Nippon Store, La Reina de Saba e Corazón do Loto foron os establecementos gañadores desta edición. Nuns días, os seus nomes estarán un particular paseo das estrelas nunha rúa compostelá.
Dos premiados, o alcalde afirmou que “coa súa actividade e forma de entender o servizo ao cliente, son unha boa mostra do valor que atesoura o comercio local na nosa cidade”. “Hai moitas maneiras de axudar a facer unha cidade, pero unha das máis sinxelas é apoiando e mercando no comercio local, no comercio máis próximo a un, que é, ao remate, o que máis pensa e máis actúa en beneficio do seu contorno”, indicou.
En palabras de Agustín Hernández, “estes premios tratan de dar a coñecer eses valores e de concienciarnos da necesidade de apreciar o propio, de apoiar a quen co seu traballo e co seu afán diario, nos ofrece o mellor servizo, achega emprego e riqueza, e axuda a proxectar a imaxe e o prestixio da nosa cidade”.
O alcalde lembrou que esta é xa a terceira edición duns Premios ao Comercio Compostelán que viñeran a substituír ao recoñecemento á veteranía que se realizara durante anos. Agora, o novo formato inclúe galardóns que teñen en conta a proximidade, o trato, a innovación, o emprendemento, a orixinalidade e a veteranía.
“O incremento de premios trouxo ligada tamén unha nova mecánica na valoración que inclúe, ademais da opinión dun xurado plural, a participación popular, o que lle confire unha nova dimensión a este galardóns”, dixo. Ademais, recordou que os establecementos premiados terán nos vindeiros días un paseo das estrelas nunha céntrica rúa da cidade, na que se destacarán os seus nomes.
Os galardoados recibiron como agasallo a peza orixinal e inédita elaborada polo artesán Francisco Porto Paredes, saída dun concurso convocado este ano como novidade entre artistas e estudantes de arte da cidade.
Os premios
O premio á Innovación foille outorgado a Susi Gesto Ourive, que representa a terceira xeración duns artesáns de gran tradición na cidade. De feito, lembrou o alcalde que, hai escasos meses, tivemos a oportunidade de contemplar o traballo de Eloy Gesto nunha mostra na Casa do Cabido. Ese labor continúao hoxe a súa filla á fronte dunha tenda e dun taller abertos ao público na Algalia de Abaixo, con novos deseños e materiais e facendo uso das novas tecnoloxías. Susi Gesto recibiu o premio de mans do alcalde e do xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco.
A tradición está tamén na base do establecemento premiado coa distinción de Comercio Veterano, Deportes Cibeira, que iniciou a súa actividade hai case 36 anos e está rexentado hoxe pola terceira xeración de comerciantes. Aínda que na súa tenda da rúa Santo Domingo da Calzada traballa practicamente todas as disciplinas deportivas, a súa especialidade está na pesca deportiva, á que lle dedica integramente unha planta do seu local. Ademais, promove no río Ulla un dos concursos de pesca máis importantes e veteranos de Galicia. O galardón foille entregado tamén por Agustín Hernández a Alberto e Yolanda González.
A orixinalidade é un dos distintivos do premiados na categoría de Comercio de Autor: Nippon Store. Esta tenda, que dende a rúa Fernando III O Santo comercializa produtos xaponeses, “axuda a potenciar ese fío gastronómico e espiritual que nos une ao pais do sol nacente e que nos fai lembrar a irmandade entre os Camiños milenarios de Kumano e de Compostela”, indicou o alcalde. Recolleron o agasallo Jorge Freire e Luisa Bernal de mans do voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, e da presidenta de Em-Rede, Eva López.
Hernández outorgoulle un “certo aire de exotismo e de espiritualidade” a Corazón do Loto, comercio da rúa da Angustia distinguido co premio Agarimo. Trátase dun espazo saudable, familiar e de trato personalizado que o ten seu centro de actividade na alimentación orgánica, na aromaterapia, nas masaxes e nos tratamentos naturais. O galardón foi entregado pola directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez, e polo secretario da Cámara de Comercio, Fernando Barros, e recollido por Igor Pereda e María J. Pardo.
A capacidade de iniciativa motivou a distinción de Xearte Brigitte co premio Emprende. Dende a rúa de San Pedro, este establecemento sorprende coa súa e variedade no mundo do xeado, con creacións tan vinculadas a Santiago coma os xeados con sabor a tarta de Santiago ou o xeado peregrino. Brígida Hermida recibiu o galardón de mans do presidente da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López.
Finalmente, o alcalde destacou a proximidade na atención e no trato que levou a La Reina de Saba a recibir o premio ao Comercio de Barrio. Esta perfumería a granel iniciou dende a Algalia de Arriba a súa expansión a outras poboacións e fíxose merecedora de tres premios en anteriores concursos municipais. A peza escultórica foi recollida por Alejandro Teijeiro e Patricia Calvo, e entregada pola concelleira de Economía, Reyes Leis, e polo presidente de Esperta Conxo, Xulio Turnes.