Deportes Cibeira, Susi Gesto Ourive, Xearte Brigitte, Nippon Store, La Reina de Saba e Corazón do Loto, gañadores dos Premios ao Comercio Compostelán 2015

SONY DSC

Deportes Cibeira, Susi Gesto Ourive, Xearte Brigitte, Nippon Store, La reina de Saba e Corazón do Loto son os gañadores dos Premios ao Comercio Compostelán Santiago ten un comercio de cine, 2015. A entrega dos galardóns terá lugar o mércores 8 de abril no Pazo de Raxoi. Os gañadores recibirán unha figura conmemorativa deseñada polo artesán Francisco Porto Paredes.

Reunión do xurado

Santiago, comercio de cine é un programa de dinamización comercial a través do cal o Concello quere recoñecer o traballo e o esforzo dos comerciantes da nosa cidade. Os gañadores das categorías Comercio de Barrio e Comercio Agarimo son elixidos por votación popular. Os gañadores desta edición foron La Reina de Saba, na categoría Comercio de Barrio, con 139 votos, e Corazón do Loto, na categoría Comercio Agarimo, con 176 votos. Un total de 1.289 persoas participaron no concurso emitindo o seu voto ao seu comercio preferido.

Nas restantes categorías, os premiados son nomeados por un xurado que estivo integrado por representantes do Concello, das asociacións de comerciantes e de consumidores e da Cámara de Comercio. De entre as 35 candidaturas presentadas, os comercios premiados foron:

– O gañador do Concurso de Escaparatismo (categoría Comercio Autor) foi a tenda de produtos xaponeses Nippon Store.

– Na categoría Comercio Innovación, a gañadora foi Susi Gesto Ourive, taller artesán situado no casco histórico que fai uso da innovación na achega de novos materiais e reinterpretación de xoias, sen esquecer con iso as súas raíces.

– Na categoría Comercio Emprende, trunfou a xeadería Xearte Brigitte, a cargo dunha emprendedora que tras anos como traballadora asalariada abriu a súa xeadería artesá no corazón do barrio de San Pedro.

– Na categoría Comercio Veterano, premio para a tenda Deportes Cibeira. Ao seu fronte atópase xa a terceira xeración tras 35 anos abertos.

Toda a información na páxina web www.santiagocomerciodecine.com.

Entradas relacionadas