Mañá arranca “Prima 22. A festa do comercio local” para dinamizar a actividade comercial nos diferentes barrios da cidade

Prima 22 Santiago de Compostela

A terceira edición de “Prima 22. A festa do comercio local” desenvolverase desde mañá xoves 9 ata o vindeiro sábado 11 de xuño nos distintos barrios de Santiago. Impulsado polo Concello de Santiago, este evento pretende animar á cidadanía a consumir no comercio local e virá acompañado dunha serie de actuacións e actividades programadas ao aire libre.

Desde mañá e ata o vindeiro sábado, os comercios locais saíran ás rúas para achegar os seus produtos e servizos aos transeúntes que poderán tamén gozar dun intenso programa de actividades en diversas zonas da cidade, cubrindo toda a Zona Vella, Ensanche, San Pedro, Concheiros, As Fontiñas e Conxo.

Así, esta edición do Prima 22 contará no seu programa con pasarrúas, animacións musicais, concertos, teatro, cabezudos, percusión, música tradicional e cabaré de circo que se completará con obradoiros de artesanía de acibeche e ourivería, impartidos polos mestres artesáns Ourives de Compostela, Soledad Mato, Ricardo Rivas, Adonis Suárez e Manuel Tojo.

Trátase da terceira edición dunha festa que, nas dúas pasadas edicións, conseguiu movilizar e dinamizar as compras, con moi boas impresións por parte de cidananía e comerciantes.

#EuMercoAquí

Con esta iniciativa o Concello tamén prentende impulsar a marca do comercio de Santiago “Eu Merco Aquí”, e faino ligado a estas festas para afianzar o seu compromiso co comercio local. No marco da festa Prima22, o Concello distribuirá bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, debe dirixirse a calquera delas: CCA Comercio Punto Compostela, CCA Santiago Centro, CCA Compostela Monumental, Asociación Em Rede, Ourives de Compostela, Asociación de Comerciantes de Área Central e Asociación de comerciantes do Barrio de San Pedro.

Partindo da idea de que cómpre un esforzo conxunto para que o comercio aflore, este ano escolleuse a flor como elemento representativo da festa, polo que o Concello propón aos comerciantes que, con total liberdade creativa, adorne o seu negocio con flores tanto no escaparate como na fachada.

Pódese consultar o programa completo da Prima 22 coas localizacións de cada actividade e artistas en comercio.santiagodecompostela.gal.

Ligazóns

Programa do Prima 22

Dossier do Prima 22

Entradas relacionadas