O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, animou ao sector comercial e ás asociacións a participar na terceira edición de “Prima 22. A festa do comercio local”, que se desenvolverá o xoves 9, o venres 10 e sábado 11 de xuño de 2022 en distintos barrios de Santiago. Un evento, sinalou o rexedor, “que pretende reforzar a aposta do Concello de Santiago polo comercio local e de proximidade”. Ademais do alcalde, na presentación estivo presente a técnica responsable da área de Comercio, Lucía Castro que explicou que o obxectivo “é dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade, coas distintas actuacións e actividades programadas”.
Durante o transcurso de Prima 22, os comercios poderán presentar os seus produtos e servizos nas beirarrúas sen necesidade de solicitar un permiso específico, aínda que deberán permitir o acceso aos portais de vivendas e ao tránsito peonil, para o correcto desenvolvemento desta festa.
Unha festa, con vocación de continuidade, segundo o alcalde, que conta cun intenso programa de actividades durante as tres xornadas, para as que non é preciso reservar entrada. Actividades como animación de rúa ou concertos para todos os públicos en diversas zonas da cidade, incluidos os barrios máis comerciais, cubrindo toda a Zona Vella, Ensanche, San Pedro, Concheiros, As Fontiñas e Conxo.
Pasarrúas, animacións musicais, concertos, teatro, cabezudos, percusión, música tradicional e cabaré de circo son algunhas das disciplinas incluídas no programa, que se completará con obradoiros de artesanía de acibeche e ourivería, impartidos polos mestres artesáns Ourives de Compostela, Soledad Mato, Ricardo Rivas, Adonis Suárez e Manuel Tojo.
Esta é a terceira edición dunha festa que, nas dúas pasadas edicións, conseguiu movilizar e dinamizar as compras, con moi boas impresións por parte de cidananía e comerciantes.
A maiores, o concello impulsa a marca do comercio de Santiago “Eu Merco Aquí”, e faino ligado a estas festas para afianzar o seu compromiso co comercio local. No marco da festa Prima22, o Concello distribuirá bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, debe dirixirse a calquera delas: CCA Comercio Punto Compostela, CCA Santiago Centro, CCA Compostela Monumental, Asociación Em Rede, Ourives de Compostela, Asociación de Comerciantes de Área Central e Asociación de comerciantes do Barrio de San Pedro.
Partindo da idea de que cómpre un esforzo conxunto para que o comercio aflore, este ano escolleuse a flor como elemento representativo da festa, polo que o Concello propón aos comerciantes que, con total liberdade creativa, adorne o seu negocio con flores tanto no escaparate como na fachada.
Pódese consultar o programa completo da Prima 22 coas localizacións de cada actividade e artistas en comercio.santiagodecompostela.gal.