O Concello e as asociacións de comerciantes ultiman a nova convocatoria dos Bonos Corazón

Xuntanza do alcalde e a técnica Lucía Castro cos comerciantes composteláns

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse esta mañá cos representantes das agrupacións de comerciantes de Santiago para pechar os últimos detalles sobre a nova campaña de Bonos Corazón, cuxo lanzamento está previsto para finais deste mes. A convocatoria, que pretende impulsar o consumo no comercio e a hostalería local, incluíra nesta ocasión a establecementos que ofrezan produtos de alimentación.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda da prensa do encontro mantido esta mañá cos representantes das asociación de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede, Fundación Santiago Centro, Ourives de Compostela e Área Central para ultimar o inminente lanzamento da nova edición dos Bonos Corazón Compostela. “A nosa intención é aprobar as bases o vindeiro luns 24 de outubro e que a finais de outubro a xente poida retirar os preto de 42.000 tickets que se porán á súa disposición para trocar nos comercios da cidade”, indicou.

Sánchez Bugallo explicou que a convocatoria deste ano “contará cun orzamento de 3.125.000 euros, dos que 1.125.000 euros serán achegados polo Concello”, e que se repartirán en bonos de 30, 50 e 75 euros, cun importe máximo de 225 euros por persoa como o ano pasado. O prazo de gasto estenderase ata o 10 de decembro, e como novidade, este ano poderanse adherir á campaña establecementos que ofrezan produtos de alimentación, entre eles, todos os postos da praza de Abastos.

O rexedor compostelán amosouse confiado en “superar o éxito do ano pasado nesta nova convocatoria” que se suma a outras iniciativas levadas a cabo de forma conxunta co comercio local como é a do bono parking que tivo “unha acollida extraordinaria por parte da clientela”.

No ano 2021 lanzouse por primeira vez no Concello de Santiago o programa de Bonos Corazón Compostela, dirixido a comercio e hostalería de todo o municipio, cun orzamento de 600.000 euros. Neste programa participaron 15.304 usuarios, descargáronse 21.489 bonos e realizáronse compras por valor de 1.484.513,57 euros nos establecementos adheridos ao programa.

Obras e ampliación do CHUS

Na rolda de prensa, Sánchez Bugallo tamén valorou positivamente a recente licitación das obras de ampliación do Hospital Clínico por un importe de 72 millóns de euros, que “suporá un espazo adicional de 32.000 metros cadrados que permitirá habilitar seis novas unidades, sete quirófanos así como a mellora dos servizos e o aumento do persoal sanitario”. “Se todo sae ben, no segundo semestre do ano 2026 poderían estar rematadas as obras e ser operativo”, engadiu.

O Concello declarou en 2021 o anteproxecto de obras de amplicación do CHUS como “de especial interese e utilidade municipal”, o que lle permite “estar exentos do pago de impostos de construción e obter unha licencia automática, ente outras vantaxes”, recordou o rexedor que calificou esta actuación como “necesaria e imprescindible”.

“Seguimos pendentes das propostas para a construción dos novos centro de protonterapia e do IDIS para poder comenzar coa tramitación”, engadiu Sánchez Bugallo, que salientou a necesidade de abordar outras temas prioritarios como “o incremento das prazas de aparcadoiro, a integración do CHUS nas rede de transporte metropolitano e a previsión de futuras ampliacións do recinto”.