Seis pequenos comercios de Santiago de Compostela xa teñen a súa estrela

Reyes Leis cos representantes dos comercios premiados no Paseo das Estrelas da rúa Xeneral Pardiñas

A concelleira de Comercio, Reyes Leis, participou na presentación do Paseo das Estrelas, no que figura o nome dos comercios premiados no programa Santiago Comercio de Cine. O Paseo sitúase na rúa Xeneral Pardiñas, no tramo comprendido entre Montero Ríos e República do Salvador, e pon en valor estes establecementos nunha rúa moi transitada da cidade e con gran vocación comercial. Os premios tratan de dar a coñecer os valores do pequeno comercio da cidade e de concienciar aos consumidores da necesidade de apreciar o propio, de apoiar a quen, co seu traballo e co seu afán diario, ofrece o mellor servizo, achega emprego e riqueza, e axuda a proxectar a imaxe e o prestixio de Santiago.

Reyes Leis cos representantes dos comercios premiados no Paseo das Estrelas da rúa Xeneral Pardiñas

Os comercios cunha estrela neste Paseo son os galardoados na última edición do programa Santiago Comercio de Cine. Na estrela indícase o nome do establecemento e a categoría na que resultaron gañadores. É o caso de Deportes Cibeira, que obtivo o recoñecemento ao Comercio Veterano. Deportes Cibeira iniciou a súa actividade hai case 36 anos e está rexentado hoxe pola terceira xeración de comerciantes. Aínda que na súa tenda da rúa Santo Domingo da Calzada traballa practicamente todas as disciplinas deportivas, a súa especialidade está na pesca deportiva, á que lle dedica integramente unha planta do seu local. Ademais, promove no río Ulla un dos concursos de pesca máis importantes e antigos de Galicia.

O premio á Innovación foille outorgado a Susi Gesto Ourive, que representa a terceira xeración duns artesáns de gran tradición na cidade. Hai escasos meses, houbo a oportunidade de contemplar o traballo de Eloy Gesto nunha mostra na Casa do Cabido. Ese labor continúao hoxe a súa filla á fronte dunha tenda e dun taller abertos ao público na Algalia de Abaixo, con novos deseños e materiais e facendo uso das novas tecnoloxías.

A orixinalidade é un dos distintivos do premiados na categoría de Comercio de Autor: Nippon Store. Esta tenda, que dende a rúa Fernando III O Santo comercializa produtos xaponeses, axuda a potenciar o fío gastronómico e espiritual que une a gastronomía galega coa nipona.

Corazón do Loto, comercio da rúa da Angustia, foi distinguido co premio Agarimo. Trátase dun espazo saudable, familiar e de trato personalizado que o ten seu centro de actividade na alimentación orgánica, na aromaterapia, nas masaxes e nos tratamentos naturais.

A capacidade de iniciativa motivou a distinción de Xearte Brigitte co premio Emprende. Dende a rúa de San Pedro, este establecemento sorprende coa súa e variedade no mundo do xeado, con creacións tan vinculadas a Santiago coma os xeados con sabor a tarta de Santiago ou o xeado peregrino.

La Reina de Saba recibiu o premio ao Comercio de Barrio. Esta perfumería a granel iniciou dende a Algalia de Arriba a súa expansión a outras poboacións e fíxose merecedora de tres premios en anteriores concursos municipais.