O Departamento de Comercio abre o prazo para solicitar a participación no Mercado de Nadal, que se celebrará do 3 de decembro ao 5 de xaneiro na rúa da Carreira do Conde e, como xa se fixo o ano pasado, do 26 de decembro ao 5 de xaneiro tamén en Área Central. A inscrición estará aberta ata as 23.30 horas do día 8 de novembro.
Este ano mantense a ubicación en Área Central, que se incorpora á de Carreira do Conde a partir do 26 de decembro, así como a prioridade absoluta para os produtos de alimentación e decoración propios do Nadal nas tres primeiras quendas (do 3 ao 23 de decembro).
O Mercado de Nadal contará con 30 postos de venda: 15 postos estarán instalados en casetas montadas especificamente para esta finalidade na rúa Carreira do Conde; a maiores habilitaranse 15 postos de venda en Área Central con mesas e mobiliario no interior.
O Mercado cambiará de expositores en cinco quendas:
Quenda 1: Venres 3 a xoves 9 de decembro (7 días ) – rúa da Carreira do Conde.
Quenda 2: Venres 10 a xoves 16 de decembro (7 días) – rúa da Carreira do Conde.
Quenda 3: Venres 17 a xoves 23 de decembro (7 días) – rúa da Carreira do Conde.
Quenda 4: Domingo 26 a xoves 30 de decembro (5 días) – rúa da Carreira do Conde e Área Central.
Quenda 5: Venres 31 de decembro a mércores 5 de xaneiro (5 días) – rúa da Carreira do Conde e Área Central.
Estará aberto de 12:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:30 h, agás o día 31, con apertura só de mañá. Estará pechado os días 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro.
A convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e comerciantes con capacidade para exhibir e vender produtos, creacións ou elaboracións de Nadal.
Para tomar parte no mercado é requisito indispensable cumprimentar a solicitude de participación en liña antes das 23.30 horas do día 8 de novembro de 2021. Ademais, os/as solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos e a proposta de decoración de Nadal do seu posto. Na proposta indicarase tipo de decoración e materiais a utilizar.
As fotografías e propostas de decoración remitiranse a mercadonadal@versalscq.com. A solicitude de participación non será válida se non se cumpre esta premisa.
Complementariamente, e fóra do cómputo dos 30 postos de venda sinalados, seleccionaranse tamén expositores para postos de alimentación e bebidas.
Os/as interesados/as poden solicitar información complementaria a través da direccións electrónicas comercio@santiagodecompostela.gal ou mercadonadal@versalscq.com.