10/10/2025 En outubro comeza unha nova edición da campaña dos Bonos Corazón 2025. Cun aumento do presuposto total que o sitúa en 600.000€, este ano o programa conta con dúas fases. A primeira celebrouse en maio e agora en outubro convócase a segunda que contará, novamente, cun presuposto de 300.000€.
Para esta segunda fase, será imprescindible que tanto os establecementos como as persoas consumidoras tramiten unha nova alta. Non servirá a alta da primeira edición de 2025 pero que si se poderán empregar os mesmos datos ao efectuar esta segunda inscrición.
Os establecementos do comercio local poderanse adherir á campaña a partir do luns 13 de outubro ás 9:30h. Deberán facelo a través da web https://www.bonoscorazoncompostela.gal/. Poderán unirse á campaña ata o luns 10 de novembro ás 23:59h.
Pola súa banda, as persoas interesadas en adquirir os Bonos, poderán facelo a partir do vindeiro xoves, 16 de outubro, ás 9:30h. Cada bono contará cun saldo de 50€, dos cales o Concello pon 20€ e a persoa beneficiaria os restantes 30€. Poderanse adquirir ata un máximo de 3 bonos por persoa na web da campaña, a través do seguinte procedemento:
1º Darse de alta para xerar unha persoa usuaria
2º Mercar os bonos un a un e autorizar compra coa banca electrónica
3º Descargar os bonos na App Wallet do móvil.
O troco dos bonos nos establecementos adheridos deberá facerse no período de vixencia da campaña, que rematará o sábado 15 de novembro ás 22:00h.
Como na primeira fase, os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. O importe irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará e non se poderá solicitar a súa devolución.