Este venres 8 de decembro o Mercado de Nadal abrirá as súas portas cunha oferta renovada, ao entrar 15 novos expositores procedentes de Zaragoza, Quiroga (Lugo), Rianxo, Mos, Pontevedra ou A Coruña, entre outras localidades, ademais de artesáns composteláns. O Mercado renova a súa oferta cada 6 días, con 15 expositores por quenda ata completar os 87 que participan este ano.
Esta segunda quenda permanecerá entre os días 8 e 13 de decembro, con oferta de alimentación propia das datas de Nadal, ornamentos de Nadal, materiais de empaquetado de agasallos e máis artesanía téxtil, en coiro, xoiería e bixutería ou nacementos tallados en madeira.
A meirande parte dos expositores contan coa carta de Artesanía de Galicia, que garante que os obxectos e pezas son realizados enteiramente a man e a pequena escala. A oferta da segunda quenda compleméntase cun foodtruck de comida vegana, bebidas quentes ou churros e doces habituais nos mercados e feiras galegas.
A oferta do Mercado inclúe actividades variadas e obradoiros realizados por artesáns, que se desenvolven no Espazo Creativo. Durante a ponte haberá actividade os días festivos e fin de semana. A programación completa de actividades pódese consultar na páxina web do Mercado de Nadal.
O Mercado permanecerá aberto todos os días de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:30 horas.