07/04/2025 Desde o Concello, a través da rede de centros socioculturais, e coa colaboración do departamento de comercio, organízase un ano máis o proxecto sociocultural “O Museo máis pequeno da cidade”.
O Museo máis pequeno da cidade, nesta terceira edición, é un proxecto de expresión artística dirixido á veciñanza de Compostela, a través do que se persegue, igualmente, dar visibilidade aos establecementos comerciais colaboradores.
“O Museo máis pequeno da cidade” consiste nunha intervención artística e sociocultural, formada por pequenas obras de arte elaboradas pola veciñanza de Compostela. Para darlle cabida a este pequeno museo, e que sexa visible por toda a cidade, procúrase a colaboración dos comerciaos locais. Deste xeito, os seus escaparates poden servir de espazo expositivo para as obras artísticas elaboradas pola veciñanza.
Coma elemento promocional da iniciativa, elaborarase un plano coa sinalización dos comercios colaboradores que expoñan as pezas deste primeiro museo máis pequeno da cidade. A exposición terá unha duración de dous meses aproximadamente. A montaxe realizarase entre o 6 e o 9 de maio e a exposición das obras será do 14 de maio ao 11 de xullo. A desmontaxe comezará a partir do 14 de xullo e ata o 30 de xullo, día no que se retirarían a totalidade das obras expostas.
Os establecementos que estean interesados en colaborar, deberán enviar un correo ao enderezo electrónico ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal coa seguinte información:
Nome e apelidos /razón social do titular do establecemento
Nome comercial do establecemento
Enderezo do establecemento
Persoa e teléfono de contacto