Subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos

Axudas e subvencións comercio Santiago

Ficha da subvención

Denominación

Subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos

Convocatoria: Pechada

Data de publicación: 19/07/2024

Prazo entrega solicitudes: Inicio 20/07/2024 Fin 19/08/2024

información, ligazóns e consultas

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Edificios Administrativos San Caetano, s/n. Planta 3º

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545554

Email: dxc.axudas.comercio@xunta.gal

Bases da convocatoria

Extracto da convocatoria

Solicitude a través da Sede Electrónica

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 9 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN223A).

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma, segundo o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, a coordinación e mellora das estruturas comerciais.

A adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúe un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, nos mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría. É preciso, polo tanto, adecuar estes espazos ás necesidades tanto dos/das comerciantes como das persoas consumidoras, desde o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e rexenerar o contorno urbano das vilas e cidades.

Por outra parte, é fundamental aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vencellándoos ao contorno en que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade, así como mellorar a súa accesibilidade e acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.

En consonancia con isto, pola Orde do 4 de xaneiro de 2017 regúlase o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia número 13, do 19 de xaneiro de 2017, e o seu outorgamento é a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan os nosos mercados e prazas de abastos.

Polo tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para potenciar a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos co obxecto de impulsar a creación dunha Rede de mercados excelentes, e as federacións e asociacións das prazas.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro de 2017), ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de asociacións de vendedores de prazas de abastos, o número de membros asociados deberá supoñer, como mínimo, o 50 % dos postos ocupados na praza de abastos. Para estes efectos, contarán como unha unidade os postos ocupados polo mesmo/a praceiro/a.

As federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

LUGAR E Prazode presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, (código de procedemento IN223A).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.