Os establecementos comerciais e hostaleiros de Santiago poden adherirse dende o 17 de setembro á campaña de bonos “Corazón Compostela”

presentación bonos Corazón Compostela 1

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte presentaron esta mañá a campaña de incentivación do cunsumo “Bonos Corazón Compostela”. Estiveron acompañados por representantes das asociacións de comerciantes Santiago Centro, Compostela Monumental, Comercio Punto Compostela, Em-Rede, Área Central, Ourives de Compostela; así como pola Asociación de Hostalería Compostela.

Imaxe da campaña

O programa de Bonos Corazón Compostela é unha iniciativa do Concello de Santiago que ten por obxectivo” incentivar a actividade económica no municipio mediante o cofinanciamento de bonos para o consumo no comercio e a hostalería local”, como sinalou Sánchez Bugallo. O rexedor, así como as asociacións participantes, fixeron un chamamento a todos os establementos composteláns dos sectores comercial e da hostalería para que se adhiran canto antes a un programa que mobilizará 1’5 millóns de euros, dos que o Concello achega 600.000.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, subliñou que os bonos “chegan no momento oportuno, cando o fluxo de persoas que nos visitan vai descendendo”. A veciñanza de Compostela, pero támen a da contorna, poderá descargar os 20.000 bonos dispoñibles e empezar a canxealos a partir do 24 de setembro e ata o 10 de decembro.

COMO FUNCIONAN OS BONOS CORAZÓN COMPOSTELA?

Cada cliente disporá dun único bono por importe de 75€ cofinanciado nun 40% polo Concello de Santiago (30€) e nun 60% pola persoa solicitante (45€). O importe do bono irase consumindo nas compras en bens e servizos realizadas entre o 24 de SETEMBRO E O 10 DE DECEMBRO de 2021 nos establecementos adheridos ao programa, ata o esgotamento do saldo.

QUEN PODE ADHERIRSE AO PROGRAMA?

Todos os establecementos comerciais e de hostalería que desenvolven a súa actividade no concello de Santiago de Compostela en réxime de autónomos ou pemes.

COMO SUMARSE AO PROGRAMA?

Entrando neste enlace e rexistrando o negocio cos datos correspondentes, a partir do 17 de setembro.

ATA CANDO SE PODE SOLICITAR INCORPORARSE AO PROGRAMA?

O prazo estará aberto dende o 17 de setembro ata o 22 de novembro de 2021, pero canto antes se inscribica o negocio, antes poderán a clientela trocar os seus bonos.

COMO SE REALIZARÁ O COBRO DOS BONOS?

Os beneficiarios dos bonos realizarán o pago das súas compras no establecemento cun código QR a través da aplicación do programa. Os negocios recibirán semanalmente o importe equivalente aos bonos trocados a través da conta indicada no proceso de inscrición.
O límite máximo de bonos para trocar nun establecemento está fixado nunha contía de 6.250 euros. A través da plataforma cada asociado poderá consultar o seu histórico de vendas dentro do programa.

Ligazóns

Descargas