Ficha da subvención
Denominación
Música, poesía e natureza na segunda xornada da Festa do Banquete de Conxo
Convocatoria: Aberta
información, ligazóns e consultas
12/05/2023 As celebracións da IV edición da Festa do Banquete traerán mañá roteiros para achegarse ao noso patrimonio verde, un concerto dos coros e orfeóns de varios barrios e parroquias e a Festa de Poesía que contará coa participación musical de Amorodo, O Rabelo e Paulinha e das poetas Belén Senín, Sara Vilar e Noelia Gómez. O día grande das festas será o domingo 14 de maio, cunha romaría popular aberta a todo o mundo na que se farán diversas recreacións teatrais do Banquete de Conxo e que estará amenizada por distintas actuacións musicais.O programa de activades das Festas arrancou esta mañá coa representación teatral do “Pequeno Banquete” a cargo dos Quinquilláns ed o alumnado do centro CEIP Quiroga Palacios. Alumnos e alumnas de varios centros achegaronse á Carballeira para asistir a esta peza teatral, e ao concerto do grupo Fillas de Cassandra, das cantantes galegas, María Soa e Sara Faro. A rapazada tamén participou na gravación dun videoclip do dúo de artistas.
Esta tarde, impartiranse dous obradoiros, un adicado ao baile tradicional (18:30 h), sen inscrición previa; e outro aos tradionais Cantos de Taberna (19:00 h), cun percorrido posterior polos bares do barrio.
Sábado 13
A segunda xornada da Festa, arrancará ás 10:00 h coa II Andaina musical organizada pola Escola Municipal de Música. Esta iniciativa propón á cidadanía unha ruta de 3,4 km, que conxuga actuacións musicais, e contacto co medio ambiente e o patrimonio natural que sirva ao mesmo tempo que achega á veciñanza o traballo realizado na EMM durante o curso.
Co fin de coñecer máis en profundidade a contorna na que se desenvolveu o Banquete, o sábado ás 10 e ás 11 terá lugar a actividade inmersiva “Baños do Bosque” con previa inscrición a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal. Tamén ás 12:00 horas, Quique Alvarellos guiará o roteiro “Voces do Bosque” sobre a historia dos autores e autoras que escribiron sobre o Bosque de Conxo, con inscrición previa rutabanquete@santiagodecompostela.gal.
O programa do sábado completarase cun Concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Santa Susana, o Coro de Habaneras Rocha Forte, o Coro Crecente de Voces Graves e o Orfeón Tradicional da Colexiata de Sar na Escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo ás 19:00 e a “A Festa da Poesía”, que será conducido por Helena Salgueiro e contará coa participación musical de Amorodo, O Rabelo e Paulinha e das poetas Belén Senín, Sara Vilar e Noelia Gómez, e que terá lugar na Praza Aurelio Aguirre ás 21:00 horas.
Domingo 14
A xornada central da IV Festa do Banquete de Conxo será o domingo 14 de maio, que arrancará co desfile “Alá van estudantes e artesáns” que partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns ata chegar á praza de Conxo, onde Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Perez Lemos se encargarán da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo, na que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.
Pola tarde celebrarase “O serán da Fraternidade”, unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais dos Fondaos do Pífaro, Grupo da A.C. Devagariño, Asociación de mulleres Recandea e Muiñeiros de Sarela, seguido polo pregón de despedida da Festa. Tamén haberá actividades para os máis cativos a cargo da Eira do Paporrubio.
4º Mercado do Libro
Os estudantes e artesáns tamén estarán presentes na festa, a través do mercado do libro e da mostra de oficios que se celebrará os días 13 e 14 de maio na praza Aurelio Aguirre. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 17 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.
O mercado tamén contará cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, orfebrería, coiro ou cerámica, entre outros.
Os asistentes tamén poderán achegarse ao posto de asesoramento e aluguer de complementos propios da vestimenta acaída do século XIX para estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos, crego…
Tren do Banquete de Conxo
O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén gozar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.
Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. Pódese consultar as horas de saída desde os dous puntos no programa.
Como Participar?
Se queres participar activamente podes sumarte como actor ou actriz ás distintas accións teatrais ou mesmo colaborar na propia organización e preparación da Festa do Banquete. Para calquera desas opcións podes poñerte en contacto co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
Tamén podes colaborar como persoa voluntaria na Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.
Cortes de tráfico
A rúa de Campo de Conxo quedará cortada ao tráfico dende as 11 h do sábado 13 ata as 23 h do domingo 14 (só accesible para bus urbano e Tren do Banquete).
O percorrido do desfile do domingo 14 será o seguinte: TOURAL (saída ás 11 h) -ALAMEDA – CARREIRA DO CONDE – PRAZA DE VIGO – CRUCEIRO DE CONXO -SÁNCHEZ FREIRE – PRAZA DE CONXO (chegada prevista ás 13:00 h).
É posible que nalgún momento deste percorrido se produzan cortes parciais de tráfico para favorecer o paso do desfile e as correspondentes paradas teatralizadas. A rúa Ramón Baltar tamén poderá sufrir cortes parciais para facilitar a baixada do desfile na mañá do domingo 14.
Pódense consultar todas as indicacións de acceso na sección de avisos.