27/09/2024 O centro sociocultural Maruxa e Coralia acolle hoxe a VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Promoción Económica e o programa Woman Emprende da Universidade de Santiago. Nesta edición, a xornada centrouse na economía feminista e dos coidados.A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Sonia Rodríguez, foron as encargadas de inaugurar a Feira. A tenenta de alcaldesa salientou a importancia de “falar dos coidados en termos económicos, indo un paso máis alá porque o habitual é falar de conciliación dun punto de vista máis individual e como se esta fora unha problemática do ámbito privado cando debera ser un asunto de Estado”. María Rozas incidiu en que “hai que poñerlle números aos coidados, valorar o seu custo, cuantificar as remuneracións que deberan percibir pero non perciben as mulleres que coidan, e as que perciben os homes, e deixarían de percibir se tiveran que ocuparse dos coidados”. A concelleira tamén reiterou o seu convencemento de que “avanzar cara un modelo económico máis xusto esixe dunha mirada feminista, e alí onde se promova, como nesta Feira, estará a Concellaría”.
Mesas de debate
Ao longo da xornada, celebráronse diferentes mesas de debate e charlas para reflexionar sobre a economía feminista desde diferentes ópticas. Así, participaron as influencers galegas Leticia Miraz (Leti da taberna) e Sara Seco, a experta en igualdade e xénero Priscila Retamozo, a psicóloga Lucía Álvarez, a xefa de traballo social da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Isabel Sánchez, a profesora de Antropoloxía Social e Cultural da USC Guadalupe Jiménez, o formador Marcos Saavedra e a docente en pensamento creativo Paz Picallo.
A economía feminista e a economía dos coidados, eixos da VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela
20/09/2024 A Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela celebra a súa sexta edición poñendo o foco na economía feminista e dos coidados, “para amosar un modelo de desenvolvemento que poña a economía ao servizo do ser humano, e non ás persoas ao servizo da economía”. O programa, no que colaboran a Concellaría de Promoción Económica e a Universidade de Santiago, a través de Woman Emprende, vaise desenvolver do 24 ao 26 de setembro con actividades gratuítas de formación en liña, e rematará o 27 de setembro cunha xornada aberta ao úblico no centro sociocultural Maruxa e Coralia.A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela nunha rolda de prensa na que tamén participaron Eva López Barrio, responsable do programa Woman Emprende da USC, e Sonia Rodríguez Boente, delegada de Igualdade da Universidade de Santiago.
María Rozas puxo en valor a colaboración entre o Concello, a Universidade e as empresas en iniciativas coma esta, “unha colaboración imprescindible para avanzar nos retos que ten Santiago por diante, tamén nos retos económicos”. A concelleira apostou por manter estas sinerxias “ao servizo dun modelo económico feminista que, en primeiro lugar, permita que a presenza das mulleres nas empresas e nos cadros directivos se corresponda co elevado número de alumnas que temos nas aulas universitarias”.
Feira expositiva
O evento central da VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela será un encontro aberto ao público que se vai celebrar o día 27 no centro sociocultural Maruxa e Coralia, desde as 10.00 ata as 18.00 horas.
O programa inclúe catro mesas redondas nas que se vai reflexionar sobre igualdade, emprendemento feminino ou economía dos coidados. A primeira delas xuntará ás influencers galegas Sara Seco e Leticia Miraz (Leti da Taberna), que falarán sobre como amosan a realidade das mulleres e a desigualdade nas súas redes. De seguido, haberá outra mesa redonda sobre igualdade, sexualidade e vínculos afectivos, coa participación da experta en igualdade Priscila Retamozo e da psicóloga Lucía Álvarez.
A terceira das palestras contará coa participación de Marcos Saavedra e Paz Picallo, que amosarán a súa experiencia en proxectos innovadores como como Designthinking.gal, Maker Faire Galicia ou VermisLAB. Por último, está prevista unha conversa sobre a invisibilidade do traballo dos coidados, coa xefa de traballo social da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Isabel Sánchez; e a profesora de antropoloxía social e cultural da USC, Guadalupe Jiménez.
Formación en liña
A VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela complétase cos seminarios de formación en liña, que se desenvolverán do 24 ao 26 de setembro, en horario de 16:30 a 17:30. O programa comenzará o día 24 con Eva María Aguayo Lorenzo, do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), que reflexionará sobre a economía feminista. Ao día seguinte, María Luz Loureiro García, de ECOBAS, falará sobre a sostibilidade na toma de decisións na empresa e na administración; e xa para rematar, Bibiana Martínez, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), impartirá o día 25 un seminario sobre a análise da economía circular desde o prisma da economía feminista.
Os seminarios de formación son de balde, están dirixidos á comunidade universitaria e son abertos ás emprendedoras de Compostela. A inscrición pódese facer a través da web womanemprende.org.
Economías feministas e dos coidados
A VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela reflexionará a través das súas diferentes actividades sobre a influencia que teñen as relacións e as desigualdades de xénero na economía, e sobre a necesidade de promover o empoderamento das mulleres, de recoñecer o traballo non remunerado dos coidados. Neste sentido, urxe advertir que o traballo do ccoidado é fundamental para o benestar humano e o funcionamento da economía, e supón unha carga desproporcionada que recae maioriariamente nas mulleres.
O encontro presencial do día 27 será retrasmitido, en directo e en aberto, a través da canle de Youtube de Woman Emprende.